O alcalde ribadense explicou que “acudo a este convite porque sempre son moi respectuoso e sempre acudo a onde me convidan, incluso vou a algunha procesión tamén. E acudo aínda que me chamen coma un convidado de pedra, coma todos os actos dos últimos tempos no que ten que ver coas Catedrais. Todo o que o Concello de Ribadeo di en tempo e forma se acepta, pero logo non se tramita nin se trata. Hai notas de prensa por aí que din que as cousas se fan con diálogo, con diálogo será con outras persoas, incluso con outras persoas que están nesta mesa”.

Suárez Barcia dixo que “teño uns sentimentos agridoces, porque é o primeiro día de mandato, e o primeiro día debe ser un día certamente distendido, e xa estamos remangados e metidos en faena coma si nos fora a vida nel. A pesares da preocupación e da tensión, que non debera ser así, teño motivación absoluta e o orgullo de tanta xente que apoiou o noso proxecto, que discrepa absolutamente do que se está aquí a presentar. Lamento que se utilice unha circunstancia dunha convocatoria pública e mediática para evidenciar unha separación absoluta sobre como se debe tratar un patrimonio natural e un monumento natural”.

O rexedor sinalou que “como teño dito a última vez que a directora xeral Verónica Tellado veu aquí a Ribadeo, coma sempre dándonos conta da información que queren e ao día seguinte facéndoa pública no Diario Oficial de Galicia sen advertirnos para nada, simplemente darnos información limitada e por contagotas, vexo que o que se vai facer aquí supoño que terá boa fe por parte de quen o fai, pero estase a facer a casa polo tellado”.

Suárez Barcia considera que “regular un monumento natural dunhas dimensións minúsculas sen ter en conta todo o que hai arredor: todos os fluxos de coches, todos os fluxos de turistas, etc… e apostar por un modelo que non existe en ningún lugar civilizado do mundo me parece un despropósito, que é maior cando se quere facer a partir do 1 de xullo. Insisto: é un despropósito, que se fose sen máis eu me lavaría as mans e deixaría que se estampara contra a parede todo isto que van facer, pero preocúpame que o nome de Ribadeo e o das Catedrais e sobre todo unha circunstancia que nos últimos anos se está a dar, que As Catedrais a ninguén lle importaban só a un alcalde que era un tanto repugnante e que agora os comerciantes, o sector servizos, os hostaleiros apelan a el para que isto siga a ser unha fonte de riqueza. Queremos conservar o medio ambiente, e queremos que siga a ser moito máis do que é e que o medio millón de persoas que veñen aquí durante todo o ano, veñan, coman, durman e disfruten das Catedrais e de Ribadeo, e por extensión de toda A Mariña e de todo o país”.

O alcalde de Ribadeo pediulles ás autoridades presentes, da Xunta, “e sei que basta que eu o pida para que o tomedes á tremenda e fagades o contrario, pero pídovolo unha vez máis: os experimentos hai que facelos con prudencia, na casa e con gaseosa, non se poden facer experimentos para empezar o 1 de xullo. Pídovos que con toda a boa fe que poidades ter en todo isto non o apliquedes sistematicamente, como estades dicindo, neste verán. É unha torpeza maiúscula, é unha situación denigrante pensar nin que a día de hoxe, a pesar de que hai uns meses me chamastedes a Lugo para darme cumprida información do que iades facer, e non se fixo nada, e onde quedamos que vós xestionariades para que o Ministerio de Medio Ambiente ou a Subdelegación do Goberno fixera un carreiro entre os aparcamentos que aluga o Concello de Ribadeo, porque a Xunta non fai nada de nada, aparcamentos para favorecer que os centos de vehículos poidan ter un estacionamento digno e que así non sexan sancionados sistematicamente pola Garda Civil de Tráfico, que por outro lado é o seu labor e é o que ten que facer. Quedastes en facelo e non hai nada feito, só hai herba polas gabias”.

E engadiu: “sabedes que estamos a traballar, sabédelo porque así consta no PXOM de Ribadeo que a propia Xunta e a conselleira aprobaron hai uns catro meses. Estamos a traballar nun plan especial de ordenación moito máis ambicioso e moito máis amplo que o voso monumento natural. Por favor fagámolo así, intentemos favorecer de verdade o aparcamento privado de vehículos, intentemos favorecer de verdade o transporte público de viaxeiros. A min non me vale que habilitedes, para ter contento ao alcalde do Concello do lado, o apeadeiro a dous quilómetros. Ninguén vai vir coas chancletas dous quilómetros andando a esta praia, hai que facer un aquí a trescentos metros. Desde logo non se pode garantir o transporte público sen que haxa ningunha liña habilitada a día de hoxe e desde logo hai unha cousa que nos ides ter dialogando ou enfronte, vosoutros escollede: As Catedrais son de Galicia e da Mariña, pero están en Ribadeo e Ribadeo será o principal beneficiario dos seus efectos económicos positivos”.

Fernando Suárez insistiu: “quereremos conservar As Catedrais, pero imos traballar pase o que pase e a pesar dos pesares en defender ás nosas xentes. Imos facer un aparcamento público de pago e ese diñeiro imos resolver que se entregue nos hoteis, nos comercios, nos hostais de Ribadeo. Este sistema de tíckets non vai funcionar e imos dar unha imaxe no mundo pésima. Tedes que ter en conta ao sector. Non sei si eu vos caio demasiado ben ou non, supoño que non, eu non estou aquí para caer ben a ninguén, eu estou aquí para defender os intereses dos meus paisanos e das miñas paisanas e creo que debedes ter en conta o que pasou hai quince días democraticamente”.