O rexedor sinala que “a falta de explicacións axeitadas ou dalgunha explicación nós seguimos tomando a iniciativa e acabo de enviarlle unha carta ao ministro de Fomento, José Blanco, para dicirlle que non podemos entender como unha obra de interés público xeral se anulou sen ter advertido en ningún momento ao Concello de Ribadeo. Foi un proxecto que tivo unha tramitación complexa cun procedemento expropiatorio e cunha necesidade que ninguén obxectivamente discute, e que despois de casi tres anos de tramitación e con contrato de obras adxudicado de repente se resolva sen advertencias de ningún tipo”.

Fernando Suárez tamén lle di a José Blanco que “en ningún momento si existía calquera tipo de cuestión a resolver que puidese afectar a esta execución da obra, ningún responsable de Fomento se dirixiu formalmente a esta alcaldía para que en todo caso se puideran efectuar as consideracións precisas, propoñer alternativas ou para que non se incorporara este vial ao plan xeral de Ribadeo”.

O alcalde engade que “lle decimos que este proxecto se manteña, que a necesidade de que se execute se mantén e, a parte de expresalle o profundo malestar que existe no goberno municipal pola maneira de actuar da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, que queremos que se formule unha alternativa racional e viable a este vial que se pretende deixar de facer en Ribadeo. Espero que o ministro de Fomento, que é galego coma nós e que coñece ben Ribadeo, manteña unha alternativa e que non se demore na súa contestación, debido a que a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia que depende do seu ministerio de momento fixo oídos xordos ás demandadas explicacións que lle solicitamos desde o Concello de Ribadeo”.