Logo dunha reunión de dúas horas e media con representantes dos vendedores/as do mercado semanal de Ribadeo, Fernando Suárez, rexedor do municipio, manifestou a intención do equipo de goberno de “non revisar unha ordenanza que foi aprobada en pleno no ano 1998”. Un dos motivos principais, segundo comunicou o alcalde, é “que nos parecería unha inxustiza para todas as persoas que estiveron pagando polo que ocupan ao longo de todo este tempo”.

O rexedor ribadense lamentou que “os voceiros dos vendedores so quixeran falar do prezo por metro cadrado que deben pagarlle ao Concello por vender no mercado e que se nos acusase de cambiar unha ordenanza que nós so estamos a aplicar”.

Consenso en algunhas cuestións

Suárez Barcia comunicou que, pola contra, si houbo receptividade por parte dos representantes de vendedores e vendedoras á hora de abordar problemas como a falta de limpeza ao rematar o mercado, a demora no pago por parte de algúns vendedores/as, a ocupación de algúns postos por parte de persoas que non son as autorizadas ou o aparcamento indebido de algúns vehículos que dificultan o tránsito da xente que acude a mercar. Nestas cuestións, confirmou o alcalde, “debo dicir que houbo entendemento por parte dos representantes”. “A única discrepancia segue a ser”, segundo apuntou “que pretenden que o goberno local cambie unha ordenanza reguladora que non podemos modificar porque foi creada por outro goberno e porque entendemos que é correcta”.

Fernando Suárez aclarou que “non estamos a subir as taxas, senón a aplicar o que marca a normativa municipal” e engadiu que “hai vendedores que pasaron de pagar 50 a 80 euros, outros que pasaron de 90 a 120 ou de 30 a 45, e hai uns cantos aos que as cifras se lles multiplican porque ocupan moito máis do que tiñan autorizado, pero non porque se creara unha nova ordenanza”.

Nova medición

O alcalde de Ribadeo dixo que unha das propostas que o goberno lle fixo aos vendedores/as “para que comproben que a ordenanza non se cambiou”, foi a de realizar unha terceira medición da superficie que ocupan os postos cos mesmos funcionarios e con un testemuño designado por eles/as.

Fernando Suárez convidou aos vendedores e vendedoras que non están implicados nesta cuestión, e que estiveron cumprindo coa ordenanza, “a que non se sintan coaccionados á hora de montar os seus postos na feira de mañá pois agardo que non se produzan coaccións ou ameazas”.