O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “hoxe, tal e como anunciamos hai uns días, iniciamos os traballos que o Concello contratou para a supervisión do cumprimento da lei de incendios de Galicia por parte dos propietarios das masas forestais que están ao carón das vivendas e dos núcleos de poboación, especialmente das especies pirófitas como son os eucaliptos, os piñeiros ou mesmo as acacias”.

O rexedor explicou que “un helicóptero sobrevoou o termo municipal de Ribadeo para fotografar todo o territorio, e agora nos vindeiros días esta empresa, á que lle contratamos o traballo, entregaranos ao Concello o resultado do mesmo que é consistente en adaptar estas fotografías, concretamente estas ortofotos, a planos escala onde se poida determinar con precisión, segundo os datos que se establecen nos rexistros públicos como pode ser o catastro, cales son as parcelas que están incumprindo o que se dispón na lei de incendios de Galicia”.

Fernando Suárez puntualizou que “esta contratación destes sistemas técnicos modernos é así porque hoxe, a día 14 de xuño, seguimos sen ter resposta do apoio que en diversas ocasións solicitamos da Xunta de Galicia, tal e como se recolle na lei de incendios de Galicia, concretamente no artigo 7, para que a propia Xunta nos puidese prestar apoio técnico e económico para tal fin”.

Suárez Barcia asegurou que “coa Xunta ou sen a Xunta nós imos facer todo o que está disposto na lei de incendios de Galicia, e queremos e pedímoslle encarecidamente a todo o mundo, que cada vez é menos, porque cada vez a xente vai cumprindo coas súas obrigas, pero tamén é certo que hai unha parte de xente que por un motivo ou por outro aínda non cortou, aínda non ten limpas as faixas de distancia de 50 metros coas vivendas e cos núcleos de poboación”.

O alcalde subliñou que “lles pedimos por favor a eses propietarios que o fagan porque agora, cando esta empresa nos entregue o resultado de todo este traballo, imos determinar quenes son os que están incumprindo aínda, enviaremos tal e como marca a lei un novo requerimento, e a partir deste novo requerimento se darán quince días de prazo como marca a lei para que executen os traballos. Se non é así poderá haber multa, poderá haber execución subsidiaria, ou poderá haber as dúas cousas, pero é algo que honesta e sinceramente desde o goberno municipal non queremos chegar a ningún destes estremos, pedímoslles por favor que fagan como fixeron os demais. Queremos dicir que, se non o fan, nosoutros desde o Concello iremos ata o final, e faremos cumprir a lei de incendios de Galicia que está vixente desde hai moitos anos, porque logo non queremos que haxa tensións, nin choros, nin que haxa un incendio e poña vidas en perigo. Non o queremos, non o imos tolerar, estamos traballando para que iso non sexa así e chegaremos ata o final”.

O rexedor sinalou que “a empresa dixo que, unha vez que fixera este traballo de campo para o que houbo que esperar practicamente quince días a que houbera un bo día sen nubes, en aproximadamente dez días, dúas semanas, teremos os traballos enriba da mesa”.

Fernando Suárez dixo que “este custo que o Concello ten que pagar, estes 7.000 euros máis IVE que son practicamente 9.000, é algo que o Concello pagará de inicio, pero despois o Concello vaillo repercutir aos infractores, aos que non cumpriron a norma. Polo tanto o Concello non ten porque asumir ningún custo disto”.