O Concello ven de publicar as bases reguladoras da convocatoria pública de subvencións municipais polo sistema de concorrencia competitiva das Áreas de Cultura e Servizos Sociais. A presente convocatoria ten por obxecto o establecemento de axudas económicas para que os destinatarios realicen actividades culturais e de asistencia e benestar social, e con carácter xeral, todas aquelas de interese para os veciños do concello que representen unha mellora da calidade de vida dos mesmos ou da cohesión social. O período que se terá en conta para a realización de actividades será durante o exercicio de 2013 e o tipo de gastos financiados serán estritamente gastos correntes nos que incorran os beneficiarios para o desenvolvemento das súas actividades. Poderán solicitar estas subvencións: as entidades e asociacións sen finalidade de lucro, domiciliadas en Ribadeo, legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal de asociacións; as persoas físicas ou colectivos para iniciativas temporais de interese cidadán, sen ánimo de lucro, sempre que, en ambos casos, non teñan recoñecida subvención nominativa nos orzamentos municipais. As solicitudes de subvención deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ribadeo. O prazo de presentación será de 10 días naturais a partires do seguinte á aprobación destas bases por Decreto da Alcaldía e da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Dito prazo remata o vindeiro 18 de decembro.

O Concello de Ribadeo tamén publicou as bases que rexerán, no procedemento de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións destinadas a entidades asociativas e clubes do termo municipal para a realización de actividades deportivas na anualidade 2013 e convocatoria das mesmas. Establécense varias categorías: axudas á actividade competitiva, axudas para a organización de eventos deportivos e axudas para actividades deportivas. O prazo de presentación de solicitudes será tamén de 10 días naturais desde a publicación do extracto das presentes bases no BOP.

O prazo que se establece en todos os casos para xustificar as subvencións remata o 31 de xaneiro de 2014.