Suárez Barcia declarou que “parece que está confirmada para este vindeiro día 13 a posta en funcionamento da subestación eléctrica de Ribadeo. Despois dun periplo certamente longo, de moito tempo de construción, un tempo moi importante de paralización por unhas cuestións xudiciais sobre o emprazamento, por fin vai ser unha realidade, e por fin queremos crer desde o Concello que vai ser a solución a todos estes problemas eléctricos que leva padecendo Ribadeo desde hai anos”.

O alcalde lembrou que “sempre que hai apagóns, microcortes de luz, etc…, e cada vez que eu chamo á compañía eléctrica para ver qué é o que pasa, sempre me din: alcalde cando a subestación estea en funcionamento, eses problemas desaparecerán”.

O rexedor quere “confiar polo tanto en que iso vai ser así, e que Ribadeo poida ter unha autonomía enerxética como debeu ter. Hai que recordar que Ribadeo desde hai moitos anos depende da subestación eléctrica de Foz nunha meirande parte, e nunha parte pequeniña desde unha que ven desde Asturias, fundamentalmente para a zona do casco vello. Agora esta subestación dará servizo a todo Ribadeo, ao polígono industrial incluído, e tamén entendo que a parte de Barreiros”. 

Fernando Suárez dixo que “esta subestación, o motivo do seu nacemento foi cando negociamos para licitar as obras do polígono industrial, a compañía eléctrica dicía que non había suficiente enerxía dispoñible, e necesitaba facer unha nova subestación. Convencemos a quen era conselleiro de Industria do goberno bipartito no seu momento para que cos responsables de SEPES, a empresa pública do Ministerio de Fomento que fixo o polígono industrial, se puxeran de acordo para financiar esta subestación que anos despois, tras un periplo incluso xudicial, vai ver a luz”.

Para o alcalde “é un motivo polo cal debemos estar contentos, e esperemos que a palabra que sempre nos dixeron os responsables da compañía eléctrica sexa verdade e que Ribadeo non volva ter estes problemas de falla de subministro máis propios dunha colonia dun país subdesenvolvido que dun Ribadeo do século XXI”.