O rexedor sinalou que “finalmente no día de mañá váise proceder ao sorteo das vivendas de protección oficial entre os adxudicatarios definitivos que participaron neste proceso ao longo dos últimos meses”. Fernando Suárez lembrou que “estas 30 vivendas sociais que se van adxudicar en Ribadeo foron feitas despois de que o Concello, hai xa varios anos e a proposta de quen agora fala e que naquel momento era tenente de alcalde, suxerise ceder un terreo de propiedade municipal na vía Transversal á Xunta para que se construisen vivendas sociais”.

O alcalde ribadense engadiu que “o goberno bipartito da Xunta aceptou dita proposta do Concello e licitaron as obras que tiveron un custe duns dous millóns e medio de euros. O proceso finalizou despois dunha presentación de propostas e de candidatos e no sorteo ante notario foron escollidas 30 familias. E agora mañá, aquí no salón de plenos do Concello de Ribadeo, haberá o sorteo para escoller as vivendas”.

Suárez Barcia dixo que “é unha moi boa noticia para Ribadeo aínda que, como sempre se di, é insuficiente o número de vivendas públicas que se están a facer. É moi importante que aprobemos o PXOM canto antes para ter máis solo dispoñible para que os Concellos e a Xunta poidamos proseguir na construcción de vivenda pública, de vivenda de calidade, de vivenda protexida a prezos razoables e que poden resolver un problema a moitas familias”.