Ao longo da historia da música o esquecemento e o descoñecemento sobre as mulleres compositoras ou intérpretes foi constante e mantense vivo aínda na actualidade. Xa que logo, a partires do recoñecemento das causas e consecuencias desa invisibilidade, o que se pretende é realizar unha aproximación á produción musical sen exclusión de xénero e ofertar modelos femininos positivos que estimulen a participación doutras mulleres na música e na danza.

A xornada comezará cun relatorio da compositora e integrante do consello do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Zavala Gironés no que realizará unha aproximación histórica á invisibilización da muller no eido musical. De seguido, Ugia Pedreira, Maria Xosé Silvar “Sés” e a “txistulari” Idoia Kareaga abordarán cal foi e segue sendo o papel das mulleres na recuperación e mantemento da música tradicional tanto en Galicia coma en Euskadi. Para rematar a mañá sumaranse ao coloquio o grupo chairego Irimia Cantareiras e máis as integrantes do grupo local Alesancia (das Anzas) para debatir arredor da situación das mulleres e a música neste tempo.

Xa pola tarde levarase a cabo un acto de recoñecemento ás Meniñas de Saudade e proxectarase o documental da realizadora María Acuña, Saudade e retrato en si bemol no que se achega á histora das Meniñas de Saudade. Para pechar a xornada, ás 21.00 horas no Cine-Teatro, celebrarase un concerto no que actuarán a Banda Municipal de Ribadeo, o grupo Alesancia, Irimia Cantareiras, María Xosé Silvar “Sés” e máis Ugia Pedreira.

Ao tempo que se desenvolve a xornada terán lugar dous talleres gratuítos. O primeiro deles, un obradoiro de danza, que será impartido na tarde do xoves 12 e máis o venres 13 de xullo, de 17 a 19 horas, por Branca Novoneyra e está dirixido a alumnas e alumnos de danza e ballet de entre 8 e 12 anos. O segundo, aberto ao público en xeral, terá lugar na tarde do venres, ás 16.00 horas, e será impartido por Olga Nogueira baixo o título Percorrido pola música galega.

Tanto as xornadas coma os obradoiros son gratuítos pero cómpre inscribirse na EMMeD de Ribadeo ou no Centro de Información ás Mulleres ou ben chamando aos teléfonos 982.130.856 ou 982.120.739.