O Concello sacou a concurso 20 prazas para socorristas, pero presentáronse menos e son contratados 15.

A concelleira de Sostibilidade Ambiental, Paz Ermida, sinalou que “vimos sufrindo dende hai varias tempadas un problema tremendo para cubrir as prazas que sacamos na convocatoria por mais que nos esforzamos dende o Concello. Pretendemos millorar  a operativa de salvamento dotando do maior numero de efectivos posibles para poder atender a demanda existente durante os meses de verán dunha maneira organizada e eficaz”.

A edil nacionalista subliñou que “melloramos as condicións laborais do persoal, aumentando o tempo de contratación e o salario. Empezamos a planificar o traballo con antelación para que todo encaixe, e, chegado o momento ocorren estas cousas, que non se presenta persoal suficiente. Toca polo tanto, reestruturar o planificado cos recursos que temos e comezar coas mesmas ganas”.

Paz Ermida engadiu: “alégrame moito ver que gran parte do equipo co que imos traballar este ano, estivo xa con nosoutros en anos anteriores. Confío na súa profesionalidade e na súa entrega e agradezo  que se tomen en serio o seu traballo. É algo que temos moi claro dende o Concello. Queremos profesionais nas nosas praias, e para iso tamén é necesaria a nosa implicación como goberno. Detrás de todo isto hai un traballo técnico importantísimo, moito máis complicado e con mais limitacións e atrancos do que se poida imaxinar, pero tamén hai ganas de facelo ben e con moi boa disposición”.

A concelleira ribadense referiuse tamén á bandeira da Q de Calidade Turística que acaban de conseguir as praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas: “tanto estes galardóns como as bandeiras azuis son recoñecementos ao traballo, a evolución e ao esforzo. Merecidos cando os conceden e tamén cando os retiran”.