Suárez Barcia declarou que “este portavoz do PP de Ribadeo parece que vive nunha realidade paralela. Non recoñece nin os seus propios actos, nin os propios acordos que o seu grupo votou aquí unanimemente no pleno da Corporación, xunto co PSOE e co BNG, para demandarlle da Xunta, dunha vez por todas, compromiso para que nos axude a amañar este vial de Feve e se descolga dicindo que se non queremos axuda da Xunta e non sei que outras cuestións que provocan ridículo alleo”.

O rexedor engadiu: “eu o que quero dicirlle a el e aos seus compañeiros responsables da administración autonómica é que están a tempo de participar, teñen as portas abertas do Concello para aportar todo canto diñeiro queiran ata a totalidade deste proxecto, que se cifra en 360.000 euros. Non teñen ningún impedimento por parte do alcalde nin do goberno, todo o contrario, de aí todos os acordos e todas as peticións que lles levamos facendo, e que ata agora tiveron un silencio máis que clamoroso”.