Suárez Barcia dixo que “foi un completo pleno ordinario, onde saíron adiante unha serie de propostas interesantes para Ribadeo: desde a aprobación da conta xeral do exercicio anterior;  a modificación da ordenanza de terrazas para adaptala aos novos tempos e abaratala; unha transferencia de crédito para completar o necesario para levar a cabo a construción das pistas multideporte para a xuventude; o incremento no IPC das tarifas da piscina, da auga e do saneamento, tal e como está na norma; a solicitude dun novo proxecto europeo Life para a adquisición de terreos costeiros nas parroquias da Devesa, Vilaframil e Rinlo para diferentes actuacións medio ambientais, etcétera”.

O alcalde subliñou que “tamén acordamos entre todos os grupos a aprobación dunha declaración institucional de apoio aos sectores lácteo e cárnico galego e de Ribadeo en particular, debido ao momento crítico que están a vivir polo aumento dos insumos e pola pouca repercusión no prezo que a eles lles pagan. Por iso acordamos dirixirnos á Xunta para poña a andar un foro de encontro con todos os actores nesta cadea. E tamén dirixirnos ao Goberno do Estado para que desenvolva de vez a Lei da Cadea Alimentaria”.

O rexedor referiuse ao capítulo de mocións: “logo en canto a esa moción do PP relativa ao centro de saúde, totalmente extemporánea e sen fundamento, pois pedía que fixeramos precisamente o que xa levamos semanas facendo, desde que recibimos formalmente a comunicación do conselleiro de Sanidade, polo que non llela puidemos aprobar. Quedou de manifesto o interese, a vontade e o compromiso do goberno municipal para que Ribadeo poida contar cun novo centro de saúde, no caso de que a Xunta non considere tecnicamente posible remodelar e actualizar o existente. De feito xa lle comunicamos formalmente a nosa boa disposición ao conselleiro de Sanidade hai 20 días e actualmente estamos agardando, tal e como el suxeriu, a que veñan os técnicos de Sanidade a xuntarse cos nosos técnicos municipais para avaliar que posibilidades reais e lóxicas pode haber na vila de Ribadeo, para que, de acordo co vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Concello poida entregar os terreos que a Xunta demanda”.

Suárez Barcia dixo que “en todo este proceso ofrecemos dilixencia, transparencia e compromiso, pois as xestións urbanísticas poden ser complexas e laboriosas, ademais de levar tempo. Pero loxicamente queremos esixir certeza, realidades e que todo isto non sexa fume. De feito nos orzamentos da Xunta do ano que vén non hai consignado un céntimo de euro para o posible novo Centro de Saúde de Ribadeo. Con todo, e independentemente disto, esixímoslle a Xunta que ten que recuperar o número de profesionais que actualmente atenden á nosa poboación de 10.000 habitantes, e que son totalmente insuficientes, e á vista están os colapsos, as demoras, as boas atencións que merece a cidadanía que non se dan, pero non porque alí haxa malos profesionais senón porque hai agora menos que había hai 10 anos e isto non pode ser”.

E engadiu: “e logo en canto a rogos e preguntas, coma sempre, aceptamos aqueles lóxicos, construtivos e honestos que nos fai a oposición e rexeitamos aqueloutros que non poden ser viables ou que son manifestamente demagóxicos”.