Ditas acusacións son relativas á denegación dunha licenza de obra para a construción dun muro no ámbito urbano a un particular e da falta de outorgamento da licenza de primeira utilización dunha vivenda da súa propiedade. Para Suárez Barcia “ou estamos diante unha artimaña política de desgaste ao alcalde ou a voceira do PSOE se está a deixar utilizar por ese particular sen contrastar as informacións que lle puideron chegar”.

O rexedor dixo: “acabo de ter coñecemento dun comunicado que fai a voceira do grupo municipal do PSOE de Ribadeo, a Sra. Aurora González Ginzo, onde dá a coñecer feitos e acusacións que un particular está vertendo sobre o Alcalde de Ribadeo e sobre un funcionario municipal acerca dunha denegación dunha licenza de obra para a construción dun muro no ámbito urbano e da falta de outorgamento da licenza de primeira utilización dunha vivenda da súa propiedade”.

Fernando Suárez manifestou que “aproveitando esta ocasión que se me ofrece, quero manifestar que nestes últimos días tiven coñecemento dun escrito que un particular presentou no Concello mostrando a súa desconformidade coa actuación municipal en varios asuntos do seu interese particular e que polo tanto pide a recusación miña como Alcalde xunto coa dun técnico municipal neses expedientes argumentando unhas acusacións intolerables contra a miña honra e a miña honestidade como persoa. A este respecto, acompaño a esta nota de prensa, escrito que no día de onte presentei no Concello sobre este particular e no que manifesto o inmediato inicio de accións legais  contra este particular pola miña parte”.

O alcalde ribadense engadiu: “pero mais aló diso, non deixa de sorprender o comunicado que no día de hoxe manda a voceira municipal do PSOE de Ribadeo onde dá a coñecer como certos feitos carentes absolutamente de motivación, de proba e que evidentemente son constitutivos dunha gravísima difamación contra a miña persoa”.

Para Fernando Suárez Barcia “non deixa de sorprender, que a voceira do PSOE poida ter acceso a este tipo de información detallada dun procedemento en sede xudicial cando en principio non consta que ela sexa parte nese preito polo que terá que explicar Aurora González Ginzo, portavoz do PSOE de Ribadeo, a estraña conivencia que ten con ese particular por dar alegremente por certo, feitos dun expediente que supostamente está en marcha. Está claro que, ou hai conivencia ou hai información privilexiada que terá que explicar como sabe do preito, porque incorpora no seu escrito detalles que non facilita sequera o suposto denunciante, ao que nin eu mesmo son coñecedor a día de hoxe”.

O rexedor declarou que “o certo é que, ou ben é unha artimaña política utilizada contra min para desgastarme politicamente ou ben se está deixando utilizar por un particular sen preguntar minimamente ou sen interesarse minimamente por contrastar as informacións que lle puideron chegar”.

Para Suárez Barcia “apresurase a Sra. Aurora do PSOE de Ribadeo a tentar poñer aos pés dos cabalos a outro compañeiro de Corporación, sen nin sequera contrastar ou preguntar ao seu anterior concelleiro do seu grupo municipal na anterior corporación para que lle poida explicar moitos dos supostos cabreos polos que ese particular non logrou conseguir o que pretendía, aínda a costa de pretender ir contra a lei e contra o interese xeral, sen que este particular acudise sequera a recurso Contencioso-administrativo se tan seguro estaba da actuación municipal”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “a miña actuación e do goberno municipal, como humanos que somos podémonos equivocar, pero sempre tentamos aconsellarnos polos técnicos antes de tomar decisións e sempre temos como norma de comportamento tratar a todo o mundo igual, porque a lei é igual para todos, independentemente do apelido de cada quen”.

E remata a súa disertación sinalando que “agora xa un vai entendendo de que vai este xogo. Pero na política non todo vale. Non vale este xogo sucio de desgastar ao adversario político, cando non o poden facer nas urnas, e agora utilízase artimañas escuras e deixándose utilizar para propósitos particulares sen ningún tipo de fundamento”.