O alcalde dixo: “primeiramente transmitir no meu nome, pero especialmente no nome de toda a Corporación, o sentimento de satisfacción porque a Xunta veña de declarar a Romaxe das Cruces como Festa de Interese Turístico de Galicia. É moi importante este recoñecemento dun acto que ten máis de douscentos anos de antigüidade e que evoca uns feitos bélicos da loita do pobo contra a invasión francesa en 1809. Transmitir polo tanto esa ledicia porque toda a Corporación, de xeito unánime en xuño de 2017, apoiamos formalmente esta petición de Festa de Interese Turístico de Galicia, tras apoiar convenientemente a petición que nos fixo chegar unha mesa de traballo, constituída en maio de 2017, para poñer en valor esta festa”.

Fernando Suárez lembrou que “esta comisión estaba composta polo presidente e a secretaria da comisión de veciños O Formigueiro, de A Ponte, polo párroco, por un historiador especialista, pola técnica de Turismo e pola concelleira de Turismo do Concello de Ribadeo, así como polos voceiros do grupo do Partido Popular, do Partido Socialista e de Ciudadanos”.

O rexedor sinalou que “o que temos que lamentar a partires de aquí son as malas formas que ten a Xunta de Galicia de comunicar todo isto, pois non o fai nin a esta mesa de traballo, nin o fai a esta Corporación Municipal, que é quen impulsou institucionalmente este acordo, nin ao seu alcalde como representante da corporación, senón que o fai a unha persoa, que é o candidato do PP ás eleccións municipais de maio. A min persoalmente, de ser o candidato do PP, daríame grima apropiarme tan burdamente dun traballo colectivo de tanta xente e aparecer como artífice e o conseguidor de algo que nada fixo. En todo caso, xa que falamos dun evento de exaltación relixiosa do Camiño de Santiago, penso que, tanto á Xunta de Galicia como a este novo candidato paracaidista, lle son de aplicación o dito aquel dos peregrinos que di que a pesares das presas de última hora non se chega a Roma nun día”.