Nas últimas horas o rexedor dirixíase aos veciños e veciñas de Ribadeo a través do seu perfil de facebook: “quérovos confesar unha cousa a conta da residencia de maiores de Ribadeo. Teño un presentimento que non me fai estar ben e quero contalo”.

Suárez Barcia sinala que “hai poucos días o Concello de Ribadeo, e para honra de toda a Corporación Municipal dos 4 grupos que somos, votamos unanimemente a favor do Convenio coa Deputación Provincial para a xestión da nosa residencia de maiores. Un exitazo de tod@s e un orgullo para todo Ribadeo”.

O alcalde segue a dicirlle á veciñanza: “¿cal é o seguinte paso? Pois que mañá (por hoxe, 6 de abril) celebrarase un pleno na Deputación para refrendar este mesmo convenio cos seis concellos que o asinamos. E ¿qué pode pasar? Pois que asistamos ao que a xente do común detesta. A política “de merda”, a política sen contar co pobo, a política noxenta de sempre. E ¿por qué? Pois ao igual que pasan en algunhas votacións no Parlamento Galego que os deputados dun grupo votan a favor dalgún asunto de competencia do Estado e logo cando ese asunto chega ao Parlamento do Estado, os deputados dese mesmo partido votan o contrario do que os seus compañeiros fixeron”.

Suárez Barcia explica: “aquí pode pasar o mesmo. Quizais eu, que ás veces peco de iluso, penso que se todos na Corporación de Ribadeo votan a favor dun convenio inmellorable para @s veciñ@s deste nobre Concello, pois o previsible é que os deputados provinciais deses mesmos grupos políticos voten o mesmo que os seus compañeiros en Ribadeo. Sé isto é así ou non saberémolo mañá (por hoxe). Para iso convidei expresamente a todos os grupos da Corporación de Ribadeo a ir ao Pleno da Deputación, para presenciar o que os deputados provinciais van votar”.

O alcalde de Ribadeo engade: “se se perpetra a traizón contra Ribadeo poderei dicir algo que sempre odio que se diga: Xa o dicía eu. Se ao final todo vai con sentidiño, coa forza da razón, da legalidade e ademais coa debida lealdade aos paisanos e paisanas maiores deste Concello, entón terei que dicir: son un esaxerado que sempre penso que moitos representantes políticos non merecen estar no cargo que ocupan”.

Fernando Suárez considera que “en Ribadeo non merecemos quedar así. E habemos tentalo ata o final”.

Esta reflexión realizada no facebook conta arestora con moitos comentarios de apoio ao alcalde e á residencia de maiores e con 124 me gustas.