O alcalde ribadense dixo que “o certo é que hai máis dun mes que lle mandamos un atento escrito valorando positivamente esa proposta de actuación sanitaria en Ribadeo. Como resumo daquel documento, pediámoslle ao conselleiro o reforzo inmediato dos cadros de persoal do centro de saúde, dado que a situación destes últimos anos se está convertendo en endémica e as queixas da veciñanza pola falta de profesionais é sistemática, día a día. Tamén lle suxeríamos que estudaran a posibilidade de adaptación do actual edificio do centro de saúde pero que en todo caso, se non o consideraban así, pola nosa banda ofrecíamos colaboración para buscar unha solución a esa petición de terreos necesarios para a construción dun novo centro de saúde, que eles cifraban nuns 2.500 metros cadrados. Tamén no seu momento, o conselleiro indicaba que o seu persoal técnico se podería achegar aquí a Ribadeo para visitar e para avaliar, xunto cos técnicos municipais, aquelas parcelas que puideran cumprir as necesidades técnicas que se requiren”. 

Fernando Suárez indicou que “despois de todo isto e despois do escrito enviado hai máis dun mes, a día de hoxe non soubemos nada máis. Ninguén nos chamou, ninguén veu por aquí, a pesar de que telefonicamente eu contactei co seu equipo técnico para dicirlle que estábamos aquí á súa disposición. Eu non sei se é que agora non veñen porque estamos no Nadal, porque hai o cambio de ano ou polo que sexa. Pero, en todo caso, aquí estamos para cando queiran, cando queiran ver e avaliar as posibilidades técnicas porque, como xa lles dicimos, o Concello de Ribadeo non é titular dun terreo desas características, desa superficie que eles nos requiren en ámbito urbano, pero que isto non é óbice para que non poidamos buscar unha solución”.

O rexedor engadiu que “afortunadamente temos aprobado, desde hai uns poucos anos, un Plan Xeral de Ordenación Municipal que contempla varios polígonos urbanísticos que, aínda que non se atopan desenvoltos polos seus propietarios, si que puideran ser obxecto de estudo pola administración municipal para ver se podemos impulsar o desenvolvemento dalgún deles. E é evidente que estes procesos levan tempo, pero en todo caso non vemos que nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2022 haxa ningunha consignación para un centro de saúde en Ribadeo, pero pola nosa parte non ha quedar o de ir buscando e ir argallando unha solución real e posible. Así que, polo tanto, enviámoslle este novo documento para dicir que aquí estamos para cando así o desexen”.