O rexedor contou que “para este pleno ordinario do que tivemos onte as comisións informativas previas, a meirande parte dos asuntos teñen que ver coa economía municipal e coa situación económica e financieira do Concello de Ribadeo. De aí que podemos dicir, sen sacar demasiado peito das cousas, porque eu creo que aos representantes públicos a xente esíxenos que tentemos facer as cousas ben e para facelas ben non temos tampouco porque sacar peito, xa que é o que se espera de nós que fagamos”.

Suárez Barcia explicou que “no apartado da economía municipal demos conta dunha serie de informes periódicos que temos que facer, tanto do período medio de pagamento aos provedores, que actualmente se sitúa para este último trimestre en 11 días, como tamén dando conta da resolución aprobatoria da liquidación do orzamento xeral do exercicio pasado, do exercicio de 2016, no que tivemos un resultado positivo de 930.000 euros. É dicir cumprimos de sobra as regras de gasto e os programas de estabilidade que marca o Ministerio de Economía e Facenda”.

O alcalde ribadense sinalou que “ao mesmo tempo, como temos remanentes positivos vémonos obrigados, en tanto non haxa leis de orzamento a nivel estatal, de utilizar este diñeiro para amortizar débeda. Noutro momento quizais  poderíamos empregar estes cartos para facer máis inversións das que temos planificadas, pero agora non nos queda outra que amortizar débeda. Non é mala cousa tampouco, porque de feito vamos utilizar 600.000 euros para dunha atacada amortizar un dos préstamos antigos de pago a provedores de hai anos e co cal a finais de ano quedaranos vivo aproximadamente medio millón de euros despois do préstamo inicial, que no seu momento foi de 1.500.000 euros”.

Fernando Suárez dixo que “a pesares disto a lei nos faculta para ampliar crédito nalgunhas outras partidas e aquí si que o imos facer na que ten que ver con camiños rurais para mellorar asfaltados, etc, ao longo do verán”.

E engadiu que “xa desde o punto de vista urbanístico traemos ao pleno a petición á Deputación Provincial de Lugo da cesión do treito que faltaba do viario provincial LU-P-610, que discorre xustamente ao pé da praia das Catedrais. Xa nos cederon o resto e quedaba un treito pequeno, pero moi importante e agora entendemos que ben xustificado por parte da Corporación Municipal contamos e confiamos que a Deputación dentro de pouco nolo ceda tamén, porque non o precisamos por dicir que somos titulares dun viario máis, ademais isto conleva máis responsabilidade no coidado, no mantemento, etc, senón que queremos ordenar toda esa zona moi vinculada a este plan especial da contorna da praia das Catedrais, que está actualmente en redacción e que esperemos que dentro de poucas semanas poidamos sacar a aprobación inicial e a exposición pública”.