A concelleira de Muller de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “hoxe en Ribadeo recibimos de mans da concelleira de Muller de Betanzos unha iniciativa que fixeron no seu Concello, trátase dun libro de sinaturas en contra da violencia de xénero. É un acto simbólico co que se pretende aunar esforzos e que se recollan firmas para pedir que a problemática da violencia de xénero sexa tratada de maneira institucional, como se está tratando, que non se escatimen esforzos e que os medios de coordinación se sigan implicando. É un acto social, é unha lacra social que atañe a todo o mundo e polo tanto, nós agradecemos que se nos tivera en conta como Concello e que fóramos os primeiros (despois de Betanzos) de todo Galicia en ser citados para participar. Para nós é unha satisfacción e non podíamos deixar de lado esta iniciativa”.

Álvarez Lastra engadiu que “esta proposta consiste en que nós, hoxe, recollemos do Concello de Betanzos este libro, que foi presentado alí hai duas semanas, e o que se pretende é que vaia rulando por tódolos concellos de Galicia recollendo sinaturas en prol da violencia contra as mulleres. Nós imos depositalo hoxe na Oficina de Turismo nova ata o 15 de agosto para que todas aquelas persoas e visitantes da nosa vila poidan reflictir neste libro aquelas cousas relacionadas coa violencia de xénero que ben queiran reivindicar, que ben queiran apoiar coa súa sinatura ou que simplemente como mostra de cariño hacia esas mulleres que están sufrindo esta lacra social, queiran plasmalo”.

Na rolda de prensa celebrada esta mañá no Concello de Ribadeo estiveron Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra e Esperanza Sánchez Varela, concelleiras de Muller de Ribadeo e Betanzos, respectivamente. O libro que estará ata o 15 de agosto na Oficina de Turismo poderase firmar, de luns a venres de 10.00h a 14.00h e de 16.00h a 20.30h, os sábados de 11.00h a 14.00h e de 16.00h a 20.00h e os domingos de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.30h.