O rexedor contou que “é unha pequena cuestión, pero moi importante para os usuarios que se vían privados estes días da sinal da Televisión de Galicia nunha boa parte do casco vello de Ribadeo. Toda esa xente ve a Televisión de Galicia e varias canles máis asociadas, a través dun microreemisor que está no concello veciño de Castropol, concretamente na parroquia das Figueiras”.

Suárez Barcia explicou que “por cuestións que non veñen agora ao caso, ese contador estaba sen subministro eléctrico desde hai un tempo. A empresa subministradora cortou ese servizo, e aínda que a competencia para nada é municipal do Concello de Ribadeo e o Concello non ten nada que ver coa Televisión de Galicia, pero para resolver ese problema que se leva producindo nalgúns momentos, no pasado tamén, decidimos subrogarnos na titularidade e no pagamento do recibo eléctrico que rexistra ese contador e que subministra exclusivamente a ese pequeno reemisor, que dito sexa de paso tampouco é unha cantidade moi elevada nin moito menos”.

O alcalde ribadense asegurou que “despois de varios días de tramitación, por fin na mañá de hoxe está en correcto funcionamento ese reemisor para todos os veciños. Ese contador pagarao o Concello de Ribadeo. Xa falamos hai días co Concello de Castropol para que non houbera ningún problema nin ningún impedimento legal”.

Fernando Suárez aproveitou a ocasión para “dicirlles a todos os veciños de Ribadeo que ven a TVG a través dese microreemisor, que poden ver as badaladas de fin de ano pola TVG como todos os anos. Desexo que teñan unha feliz entrada de ano 2017 vendo a Televisión de Galicia”.