O edil nacionalista sinalou que “mañá, martes, día 2, ás doce do mediodía faremos un simulacro de salvamento, socorrismo e seguridade na praia das Catedrais e na de As Illas-Castros, como nos esixen as normas do Instituto para la Calidad Turística Española, para ver que a coordinación entre os diferentes actuantes responde de forma axeitada”.

Cupeiro contou que “participarán no simulacro unha ambulancia medicalizada da Rede de Transporte Sanitario Urxente, de Ribadeo, as forzas do corpo da Garda Civil, a Policía Municipal, os socorristas de cada praia e o Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). O simulacro consistirá en producir unha alerta a través do 061 e a continuación farase unha movilización da ambulancia para ver que o tempo real que emprega en chegar ao punto da praia onde está o problema é inferior a quince minutos. Todo isto farase despois de que os socorristas intentaran reanimar á víctima, que estará inconsciente sobre a area”.

O concelleiro de Medio Ambiente e Medio Mariño engadiu que “logo faremos un simulacro dun acto delictivo, posiblemente sexa un atraco, tanto nunha praia como na outra. Participarán neste simulacro a Policía Municipal, a Garda Civil e o Grumir”.