O edil nacionalista explicou esta mañá que “dado que o sistema de calidade e medio ambiente implantado nas praias de Catedrais e Illas-Castros de Ribadeo esixe desenvolver un simulacro de emerxencia, este ano levarémolo a cabo na praia das Catedrais. O acontecemento será o vindeiro día 12 de agosto contra ás 11:30 da mañá. Van colaborar o 112, o 061, os Bombeiros de Barreiros, a Garda Civil, a Policía Local e os socorristas”.

Cupeiro subliñou que “dado o potencial perigo da nosa costa pretendemos con este simulacro poñer en coordinación a todos os corpos que teñan relación coa seguridade. Trátase dun desprendemento onde hipoteticamente quedarían atrapadas varias persoas, unha delas con carácter moi grave e outras con lesións de menor calado”. E demandou “a colaboración cidadá para que todo poida descorrer con fluidez dado que será en horario de baixa mar e de gran  afluencia de visitantes. Faremos unha regulación do tráfico para ocasionar os mínimos problemas posibles”.