A concelleira explicou que “o proxecto Apego de Ribadeo, que xira arredor da transmisión do galego ás novas xeracións, iniciou o pasado 3 de marzo unhas sesións de actividades de matronatación, que en 2019 xa gozaron de moita aceptación polas familias con crianzas que tiñan entre 9 e 48 meses”.

Pilar Otero salientou que “o obxectivo máis importante desta actividade se centra en reforzar vínculos de amor e confianza entre a crianza e os seus proxenitores facendo que compartan unha experiencia xuntos na auga, e ao mesmo tempo serve para reforzar os vínculos con oso idioma co galego como lingua vehicular e dinamizadora. Hai familias onde o galego é xa a súa lingua normal de comunicación, e outras nas que non o é máis que teñen interese en que o seu fillo ou filla chegue a falar o galego”.

A edil nacionalista sinalou que “este ano cubríronse 23 das 24 prazas ofertadas, o que supón, entre pícaros e adultos, un total de 46 persoas participantes. Nesta actividade non se lles aprende a nadar ás nenas e aos nenos, pois esta capacidade non se logra ata os 4 ou 5 anos, senón que as sesións, que son dunha media hora máis ou menos, inclúen dinámicas lúdicas asociadas a cancións, secuencias de desprazamentos e flotación, e rematan sempre cun conto na auga”.

Otero Cabarcos engadiu que “se busca o goce e tamén a adquisición de seguridade, confianza e outras habilidades na auga por parte das crianzas. Todos os exercicios aumentan o desenvolvemento físico, intelectual e psicoafectivo. A auga estimula as capacidades de xogo, xa que xogando é como as crianzas aprenden toda a vida, pero sobre todo cando son pequenos. Este feito vai repercutir en aprendizaxes futuras. A fisioterapeuta, responsable do grupo, é a que dá as pautas para actuar e o fundamental desta actividade é adquirir o gusto polo medio acuático. Créase entón un clima de confianza mutua entre a fisioterapeuta, as crianzas e os seus proxenitores, e tamén se afianzan os vínculos co noso idioma que é o principal obxectivo”.