A Oficina Municipal de  Información Xuvenil do Concello de Ribadeo, situada agora no baixo da Casa da Xuventude, segue a ser o lugar ao que acudir para a tramitación dos bonos de transporte para estudantes e o carné xove. Xavier Campos lembrou que “o Concello vén apostando desde o ano 2003 polas axudas aos estudantes para a cofinanciación das viaxes dos residentes en Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela”. E subliñou que “poden solicitarse bonos de 10 ou 20 viaxes mediante unha solicitude individual e do pagamento da cantidade correspondente segundo sexa o destino. O Concello achega o 25% do total do custo das viaxes dos estudantes que soliciten os bonos de transporte”. No 2011 foron 44 os bonos xestionados, e no que vai de 2012 foron 20.

O carné xove é un programa europeo para mozos e mozas entre 12 e 30 anos  no que participan un total de 41 países e todas as comunidades do Estado, co obxectivo de favorecer o acceso a diferentes bens e servizos a través de descontos ou de calquera outra vantaxe, facilitando así unha maior mobilidade en todo o ámbito europeo. O edil de Mocidade subliñou que “este carné permite, polo tanto, aos seus titulares un acceso privilexiado a diferentes bens e servizos, que abranguen dende o ámbito cultural ao aloxamento, o transporte ou os comercios. O carné xove ten unha validez de dous anos dende a data da súa emisión ou ben ata a data en que o mozo ou moza titular cumpra a idade que o exclúa do colectivo ao que se dirixe esta tarxeta”. Para solicitalo é necesario cubrir o impreso correspondente, acreditando a identidade e pagar 6 euros de taxas.
No 2011 foron 33 os carnés tramitados, e neste 2012 van polo momento 17.