O rexedor dixo que a sinatura de dito convenio “é unha boa noticia para todos os veciños e veciñas de Ribadeo que xa estaban recibindo este programa dirixido a persoas non dependentes. Ribadeo é o concello da provincia que máis xente ten neste programa cun total de 113 usuarios”.

Suárez Barcia indicou que “a principios deste ano o Estado deixou de poñer a aportación que realizaba, que era o 65% do custe total, e a Deputación poñía o 35% restante. Como o Estado está mais pendente de salvar á banca e aos banqueiros e está mais pola labor de deixar tirados na cuneta á xente maior de 80 anos, como é o caso da inmesa maioría da xente que recibe a teleasistencia, a Deputación decidiu incrementar a porcentaxe da cuantía que viña aportando e os Concellos que queiramos contar con este programa temos que asumir a outra parte que é o 50%, aínda que antes non aportábamos nada”. O alcalde ribadense engadiu que “aínda que teñamos que aportar no caso de Ribadeo uns 15.000 euros ao ano parécenos fundamental seguir con este servizo de teleasistencia que lle da seguridade, que lle da cercanía e posibilidades de seguir vivindo soas a esas persoas que non queren abandoar os seus fogares, pero que por idade necesitan poder tocar un botón en caso de sofrir unha emerxencia e que alguén os poida escoitar e achegarse inmediatamente ata ese domicilio”.

Para Fernando Suárez o servizo de teleasistencia “é unha boa iniciativa que eu lle valoro moito ao Área de Benestar Social da Deputación Provincial de Lugo, na que o Concello ten que pagar a outra parte que lle corresponde, sen perxuizo de que quizáis teñamos que repercutir unha parte aos usuarios, que ata o de agora non estaban a pagar nada por contar con este programa. En todo caso o máis importante é que o servizo sigue a ser prestado e seguirá a ser prestado cunha calidade tan boa como a que viña tendo ata o de agora”.