Paz Ermida explicou que “agora mesmo está aberta xa a convocatoria para o persoal de socorrismo, un total de trece prazas combinando xornadas completas con medias xornadas. Temos pendente aínda convocar a de técnicos sanitarios que serán para os meses de xullo e agosto e contaremos tamén co persoal de cooperación da Xunta. Este ano volveunos outorgar oito prazas de socorrismo, que consideramos totalmente insuficientes vendo a afluencia de turismo que temos en Ribadeo, o volume de persoas que utilizan as nosas praias, parécenos totalmente insuficiente e tamén totalmente inxusto tendo en conta o número de persoas de cooperación que se lles asignou a concellos veciños que non teñen nin con moito o nivel de visitantes e de turismo que temos aquí no concello de Ribadeo”.

En total serán 23 as persoas que velarán pola seguridade nos areais ribadenses. 15 contratadas polo Concello (13 socorristas e 2 técnicos sanitarios) e 8 a través do plan de cooperación da Xunta de Galicia. Éstas últimas traballarán do 1 de xullo ao 31 de agosto.

A concelleira de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño indicou que “o 15 de xuño empezarán a traballar os socorristas que corren a cargo do Concello ata o 15 de setembro. Isto facémolo cunha clara intención de mellorar os servizos que prestamos tanto a turistas como a veciños e veciñas de Ribadeo e tamén co fin de cumprir todos os requisitos que nos esixe bandeira azul e a Q de calidade. Garantimos así polo tanto que dispoñemos de persoal para cubrir todos estes servizos e para prestar a mellor atención aos bañistas e aos turistas que se acheguen polas praias e tamén aos veciños e veciñas de Ribadeo”. Haberá socorristas nas praias de Os Bloques, Esteiro, Illas-Castros e As Catedrais.

Paz Ermida subliñou que “todo isto supón un esforzo moi importante para o Concello de Ribadeo económico e organizativo, pero consideramos que é necesario se queremos garantir unha atención ao noso turismo e aos nosos veciños e veciñas. Por iso insistindo en que deberíamos ter máis colaboración por parte doutras entidades como a Xunta, que repito é totalmente insuficiente a cantidade de persoal que nos asigna no plan de cooperación”.

Hoxe o concelleiro Jorge Díaz Freije recolleu en Bastiagueiro as bandeiras azuis que recibiron as praias de As Catedrais, Illas-Castros e o sendeiro azul que vai desde o faro da Illa Pancha ata As Aceas.