Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local explican que “o Concello de Ribadeo é un centro colaborador da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O servizo de orientación laboral vai dirixido a mellorar a empregabilidade e a cualificación profesional das persoas desempregadas mediante a información, o diagnóstico, asesoramento, motivación e acompañamento nos procesos de busca e/ou cambio de emprego”. 

E engaden “neste servizo aténdense tanto ás persoas citadas a través do Servizo Público de Emprego de Galicia coma ás persoas que voluntariamente se achegan de cara a solicitar información para mellorar a súa empregabilidade e formación”.

O Servizo de Orientación Laboral, dependente da Concellaría de Desenvolvemento Local, conta tamén cunha Bolsa de Emprego, na que están inscritas más de 500 persoas. A finalidade desta Bolsa de Emprego “é dar servizo tanto ás persoas desempregadas, que acoden voluntariamente a inscribirse na mesma, coma ás empresas que solicitan persoas traballadoras”.  

Outra das medidas que ten en marcha a Concellaría de Desenvolvemento Local é unha páxina de Facebook, ADL Ribadeo, onde diariamente se informa sobre ofertas de emprego, formación,axudas para a contratación e sobre todos aqueles temas que se consideran importantes tanto para as persoas desempregadas como para empresas e autónomos.