O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amosouse moi satisfeito coa inversión de 5,9 millóns de euros que vai realizar SEPES na urbanización do polígono industrial. O rexedor dixo que “a noticia prodúcese despois de tantas esperas, discusións e controversias políticas… que é unha satisfacción para todos os veciños e as veciñas de Ribadeo, e para toda a corporación municipal que se teña aprobado esta inversión”.
Suárez Barcia lembrou que este acordo foi posible grazas á mediación da Consellaría de Innovación e Industria e ao conselleiro Fernando Blanco, que “despois de dialogar con SEPES, Begasa… fixo que puidesemos levar adiante a planificación para unha construcción inmediata do que é a subestación de enerxía eléctrica da que se beneficiará non só o polígono industrial senón tamén a propia vila e o propio concello de Ribadeo”.
Fernando Suárez, que informou de que o anuncio de licitación das obras sairá publicado proximamente no Boletín Oficial do Estado, engadiu que “a corto ou medio prazo veremos como este polígono se converte nun revulsivo económico para todos os veciños e veciñas de Ribadeo”.
A urbanización desta actuación vai xerar unha dispoñibilidade de 114.855 metros cadrados de chan neto industrial nos que poderán instalarse 50 empresas con capacidade para xerar arredor de 400 postos de traballo.