O rexedor quixo dar conta “dunha sentenza da que tivemos coñecemento hai moi poucos días, na cal se falla en contra dos intereses do Concello no que ten que ver cun expediente disciplinario que hai tres anos instruímos en contra dun traballador municipal. Esa sentencia non lle dá a razón ao Concello”.

Suárez Barcia lembrou que “antes desa sentenza houbo unha resolución administrativa deste expediente disciplinario na que quedou acreditada a utilización de subministros públicos, como auga ou electricidade para aproveitamento privado. A sentenza que coñecemos agora, hai poucos días, non entra no fondo do asunto senón que se queda nun defecto de forma relativo ao prazo para resolver. Dado que naquel momento encontrouse o Concello incurso nun plan de pago a provedores moi importante, tanto neste como noutros concellos, que provocou que os funcionarios instrutores deste expediente disciplinario tamén eran responsables das súas áreas de xestión, polo que nunha pequena demora que fixo que se ditara uns días máis tarde a resolución é no que se basea para desmontar este expediente disciplinario. Pero isto non quere dicir que o que se acreditou no expediente non fose certo, cousa na que a sentenza non entra, e que a sanción non fose merecida”.

O alcalde ribadense considera que “a sentenza, desde logo, é un perxuízo para todos, porque ademais de que este señor, que daquela era o sepultureiro municipal, non cumpriu co seu traballo aínda por riba temos que aboarlle ese diñeiro que deixou de percibir durante os meses de sanción de suspensión de emprego e soldo. En todo caso as sentenzas hai que acatalas, compártanse ou non. Pero a explicación debe quedar ben clariña enriba da mesa”.