Fernando Suárez, dixo que “quero facer pública unha sentencia hoxe que colea de tempo atrás, de cando a xente estaba un pouco tola e de canto aquí todo o mundo pretendía facer chalets ata na rúa. Falo do ano 2005, cando se aprobaron inicialmente unha serie de convenios urbanísticos co apoio de quen gobernaba antes, o PSOE, co voto en contra do BNG e coa abastención do PP. Algúns convenios absurdos que despois posteriormente a propia Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta decía que non eran admisibles porque significaban a dispersión de futuros núcleos urbanos polo territorio, que moitos deses terreos eran eucaliptais, como era o caso, e que non respondían aos necesarios criterios de sostibilidade”.

O rexedor lembrou que “unha destas empresas, Mahía, pretendía converter a zona do Costal, que é un inmenso eucaliptal, en 300 ou 400 chalets. E para iso pretendía converter o solo forestal en solo urbano consolidado. Iso afortunadamente non foi así, despois a Corporación Municipal do mandato anterior no que eu gobernei en minoría, pero co consenso de todos, a todos nos chegou o sentidiño e vimos que non era axeitado ese tipo de crecemento e xa non puxemos ningún tipo destes solos urbanizables na propia aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Pero esta empresa, Mahía, pediu nada máis e nada menos que 15 millóns de euros polo suposto lucro cesante que ela deixara de percibir”.

Suárez Barcia manifestou que “afortunadamente a xustiza é xusta e ven de confirmar que o Concello non ten ningunha responsabilidade, que non lle debe pagar nin un só céntimo de euro e eu agardei aproximadamente un mes para facer pública esta noticia esperando a que se confirmara a sentencia por si había apelación ou non. Finalmente non a houbo, a sentencia é firme e alégrome de que isto quede nunha anécdota que se iniciou hai anos, pero podía traerlle un disgusto ao Concello de Ribadeo por unhas indemnizacións cuantiosas que sería o reflexo dunha maneira atolada e torpe de facer política como se fixo anos atrás enganando a moitísima xente”.

O rexedor tamén subliñou que “de chegar a ser así toda esa superficie de máis de 80.000 metros cadrados de edificabilidade habíanse sacar doutros sitios do concello, dos núcleos rurais ou mesmo do ámbito urbano. Eso sería unha carga para o resto dos veciños para que logo unha empresa comprara un monte e no monte medrara ourego en lugar de eucaliptos. Alégrome da sentencia e o que nos toca é seguir mirando cara adiante como o estamos a facer, aprobar e sacar a exposición pública outra vez o PXOM para canto antes ter un plan que se adapte ás directrices autonómicas, ás directrices da lei do solo de Galicia e que sempre, sempre, sempre cumpra o interese xeral, que é para o que os veciños non poñen para vixiar polo interese xeral e non polo interese particular dalgunhas empresas, como esta Mahía, por grandes que puideran ser no seu momento”.