Suárez Barcia dixo: “a verdade é que estamos sorprendidos e á expectativa, porque somos os primeiros que queremos que este entorno, non soamente as escaleiras e os arcos senón o entorno enteiro teña un nivel de protección e se conxugue perfectamente o dereito á visita, o turismo e a conservación da natureza. Pero a persoa, que seguramente con toda a boa fe do mundo ven aquí por parte da Xunta dirixe unha parcela pequeniña da Xunta, que é a Conservación da Natureza, e ela non entra nas outras cuestións que para nós son moi importantes, porque nós temos que mirar ese entorno como un todo, non soamente con parcelas pequeniñas”.

O alcalde ribadense manifestou que “cando non está resolto o tema dos aparcamentos, nin o tema do vieiro, nin o da información, nin como se van expedir os tíckets, nin como se vai impedir que entre toda a xente que queira, porque aquí non nos aclararon absolutamente nada de todo iso, parécenos unha temeridade que isto se poña en funcionamento o próximo 1 de xullo. Cando a día de hoxe compromisos por parte do Ministerio de Medio Ambiente de facer un sendeiro pola beira da estrada para que a xente poida ir andando con comodidade non están feitos, cando a Xunta en vez de darnos 10 socorristas nos da 8, con todo este despropósito de cousas parécenos unha temeridade”.

Fernando Suárez comentou que “nosoutros o que lle dixemos é que non se poden matar moscas a canonazos e que non se poden facer estas cousas sen diálogo; non poden vir aquí a dicirnos o que van facer apelando a que están dialogando con nós, cando xa nos explican que teñen a folla de ruta feita. E desde logo co sector moi potente que temos aquí da hostalería, co sector servizos, parécenos que vai acabar habendo interferencias e que os turistas que veñan de Huelva, de Ourense ou de Nova York non van saber onde se sacan uns tíckets para visitar a praia das Catedrais”.

E engadiu: “por todo isto, en definitiva, este modelo de xestionar unha praia que recibe miles de persoas durante todo o ano como se isto fora unha cova do paleolítico ou un bosque encantando no que so poden entrar 20 ou 30 persoas ao día pode ser perfectamente válido cunha fórmula de autorización administrativa, pero desde logo xestionar miles de persoas así non se lle ocorre nin ao que asou a manteiga”.