Martínez manifestou: “desde o Concello de Ribadeo estamos moi satisfeitos cos resultados e o balance desta Semana Santa a nivel turístico. Como ben se puido ver Ribadeo estivo a tope de xente, de turistas, e eu creo que todos somos conscientes da imaxe desta Semana Santa practicamente en todos os medios de comunicación, que foi esa praia das Catedrais ateigada de xente. Puidemos ver uns vídeos cuns drons coa cantidade de xente e de coches que se achegaron fundamentalmente os tres días principais, xoves, venres e sábado”.

A concelleira de Turismo salientou que “durante estes días estivo colgado o cartel de completo, co cal os pases para acceder ao areal estiveron esgotados”.

A edil cre que “unha parte importante deste gran número de visitantes é un reflexo do traballo conxunto que se está facendo entre a hostalería, o comercio e o Concello buscando que cada vez sexa máis atractivo, non soamente chegar á praia das Catedrais, senón tamén dende aí achegarse a visitar Ribadeo. E falamos de cifras de récord. Se durante a Semana Santa practicamente todos os anos falamos de que é un punto importante de arranque do turismo en Ribadeo, este ano falamos ademais de cifras récords”.

A concelleira nacionalista detallou que “na oficina de turismo do núcleo urbano recibíronse durante estes días uns 1.800 visitantes. Os picos máis altos foron o xoves e o venres onde se acadaron aproximadamente unhas 350 consultas diarias. Pero o punto fundamental, onde se demanda maior información, a onde realmente chega máis xente e é o motor de impulso cara ao resto do concello, é o punto de información turística municipal do Concello na praia das Catedrais. Aí recibíronse 4.695 consultas durante esta Semana Santa. Os días tamén de maior afluencia foron o xoves con 675 consultas, o venres fixéronse 1.074 consultas e o sábado arredor dunhas 620. Así falamos de 6.500 persoas as que solicitaron información nas oficinas turísticas municipais de Ribadeo”.

Ana Martínez sinalou que “isto supón unhas 1.000 persoas máis que o ano pasado, o que reflexa un 15% de aumento no número de demandantes de información en Ribadeo durante a Semana Santa de 2017. Seguimos a falar de cifras récords dos visitantes que se achegan ata aquí. Dentro destes visitantes fundamentalmente falamos de turismo nacional que rolda o 92%. As comunidades emisoras son maioritariamente Madrid, Euskadi, Galicia e Castela-León. Nas Catedrais reflíctese este mesmo tipo de turismo, un turismo familiar, fundamentalmente procedente de Madrid, Galicia, Pais Vasco e Castela-León”.

A concelleira ribadense explicou que “segue a incrementarse o turismo internacional xa que durante estes días de Semana Santa foron preto de 400 visitantes de diferentes nacionalidades os que acudiron a solicitar información. Así falamos de que Ribadeo segue en auxe e cada vez é un referente máis claro na cornixa cantábrica, no que se define como a porta de entrada a Galicia desde Asturias”.

A edil indicou que “un turismo importante tamén nos últimos tempos e que estamos a ver por Ribadeo xa de continuo, é o turismo de grupos. Un turismo que durante todo o ano nos visita, pero quizais nestas datas se concentra máis, e foron 13  os grupos que chegaron a Ribadeo de diferentes partes da xeografía española durante a Semana Santa. Falar ademais dos peregrinos do Camiño de Santiago, dese turismo que entra a Galicia tamén por Ribadeo, e no que falamos dun 10% tamén de incremento nesta Semana Santa con respecto ao ano pasado. Creo que podemos falar de que en cada ámbito turístico cada vez imos a máis e mellor”.

Ana Martínez dixo que “isto repercutiu dunha maneira clarísima no que é a hostalería roldando practicamente o cen por cen nos días fortes, e durante toda a semana estivemos entre un 80 e un 85% de ocupación. Creo que este é un traballo importante. Desde o Concello estamos satisfeitos tamén do traballo dos nosos hostaleiros e hostaleiras, dos comerciantes e dos diferentes actos que distintas asociacións tamén estiveron a facer durante toda a Semana Santa, que segue a ser un reclamo importante para que nos visiten en Ribadeo. Desde aquí queremos agradecer tamén ese traballo conxunto”.

A concelleira considera que “a pesares de certos problemas que houbo, todo foi creo que moi positivo. Digo problemas porque houbo uns días nos que tivemos unha gran cantidade de chamadas polas incidencias que xurdiron na páxina web das Catedrais na que o acceso era complexo porque se estragou, e tivemos cantidade de xente chamando para ver cómo se podía acceder ao areal. Aínda así temos que dicir que estamos moi satisfeitos, que Ribadeo segue a ser ese referente turístico, e desde aquí agradecer aos visitantes e tamén aos habitantes de Ribadeo por contribuír a isto”.