O edil nacionalista sinalou que “nesta ocasión desde a OMIX e desde a Área de Mocidade do Concello presentamos a proposta de actividades para a semana santa que pensamos para todos os nenos e nenas de Ribadeo. Como xa ven sendo habitual desde a OMIX prepárase un programa diverso e extenso pensando no lecer, no ocio e na formación dos nosos nenos e nenas. A programación dura tres días, o 2, 3 e 4 de abril e temos propostas de diversa índole”.

Campos explicou que “haberá campionatos de 3 x3 de fútbol e baloncesto, haberá propostas formativas como obradoiros de cociña creativa, de fotografía, de risoterapia e tamén haberá unha iniciativa novidosa que chamamos Explorando Ribadeo, Olimpiada popular, que consiste nunha xornada lúdico-educativa polo roteiro das Aceas, haberá un paseo, xantar e tarde de lecer na Casa das Algas. Trátase de poñer en valor o noso entorno medioambiental e espazos como a Casa das Algas, que recentemente foi recuperada e xa é de titularidade municipal.  Teremos tamén actividades outro tipo como xincanas educativas, ou un contacontos”.

Para o concelleiro de Mocidade “o que é interesante é que os pais e nais nesta semana se informen e chamen á Casa da Xuventude no 982 129 889 ou que pasen directamente por alí, na rúa Antonio Otero, ao carón da biblioteca municipal. A OMIX ata hai poucas semanas tiña a súa sede no auditorio municipal e a partires de agora comeza unha nova etapa centralizando toda a actividade infantil e xuvenil na propia Casa da Xuventude, polo que convido a todos os pais e nais a que se acheguen por alí”. Os días 2, 3 e 4 de abril haberá campionatos de 3 x3 de fútbol e baloncesto, que terán lugar de 11 a 14 horas na praza do Cantón e que serán para nenas e nenos de 8 a 15 anos.

O 2 de abril terá lugar un obradoiro denominado A tea de araña que todo o apaña, para nenos e nenas a partires de 3 anos. Será en dúas quendas, de 11 a 12:30 horas e de 12:30 a 14 horas. Pola tarde de 17 a 19 horas haberá unha xincana educativa na rúa para rapaces e rapazas a partires de 8 anos e esa xornada pola mañá e pola tarde terá lugar un obradoiro de cociña creativa para maiores de 12 anos.

O 3 de abril ás 12 horas na Casa das Algas dará comezo a actividade Explorando Ribadeo para nenos e nenas a partires de 5 anos, que percorrerán o roteiro das Aceas, xantarán e pasarán unha tarde de lecer na Casa das Algas. Ese mesmo día de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas celebraráse un obradoiro de fotografía para rapaces e rapaces maiores de 12 anos.

E xa o 4 de abril haberá en dúas quendas de 11 a 12:30 horas e de 12:30 a 14 horas un obradoiro da risa para nenos e nenas a partires de 5 anos. O obradoiro da risa seguirá pola tarde de 17 a 19 horas destinado a rapazas e rapaces de máis de 12 anos. E ás 17 horas haberá na biblioteca El Viejo Panchio o contacontos Os contos de Pablísimo.

Desde a Concellaría de Mocidade subliñan que “existe unha cota de inscrición única para toda a infancia e mocidade de 6 euros por persoa, indistintamente do número de actividades nas que se participe”. As actividades de semana santa foron organizadas polas Concellarías de Mocidade, Cultura e Deportes.