O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, empezou o seu discurso cualificando o acto como “sinxelo e emotivo, pero tamén de irmandamento entre Ribadeo e Castropol, entre Galicia e Asturias”. E a continuación fixo a seguinte intervención que reproducimos textualmente:

“Para o pobo de Ribadeo é un motivo de orgullo recibilos hoxe aquí con motivo da edición dun selo dedicado á Ponte dos Santos. Ao longo da súa historia os homes e mulleres de Ribadeo teñen dado mostras abondosas de capacidade de traballo, dinamismo e espírito emprendedor. A actividade agrícola, gandeira, forestal, os froitos do mar deron vida a unha vila comercial que se soubo converter en referente comarcal cara ao lado galego como tamén cara a beira asturiana. Tan é así que nas actas do noso Concello podemos comprobar como ao longo dos séculos fóronse incorporando á nosa poboación xentes dos concellos limítrofes atraídos pola intensa actividade que se xeraba en torno ao noso porto comercial.

Coa mesma intensidade tamén apostamos pola formación dos nosos mozos e mozas: as primeiras novas que temos de centros de ensino na nosa vila remítennos ao século XVI, no XIX podemos destacar o estudo de Filosofía e Humanidades, a escola de Náutica e tamén a de Comercio e xa no século XX podemos lembrar a Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias ou mesmo o instituto de Segunda Ensinanza.

Moitas mulleres e homes ribadenses que andaron e andan polo mundo ven seguro que notaron o pouso que esta aposta pola educación lles deixou nas súas vidas e as capacidades que lles aportou para saíren adiante. Este espírito innovador puidémolo constatar en moitas xentes que botaron raíces no noso concello pero tamén en persoas que tendo pasado parte da súa vida na nosa vila levaron con eles unha lembranza perenne de Ribadeo e as súas xentes.

Estes días estamos a inaugurar varias rúas ás que puxemos nomes tanto do noso rico patrimonio toponímico como de persoas que deron vida ao noso concello. Cando inauguramos hai poucos días a avenida Rafael Fernández Cardoso, en recoñecemento á figura do noso alcalde nos anos de goberno democrático da Segunda República puiden contar como esta persoa, desde o exilio forzoso en América durante a longa noite de pedra, pediu que lle enviaran unha presada de terra de Ribadeo para que cando o soterrasen a depositaran ao seu carón.

Tamén, non hai moito tempo, quixemos lembrar ao señor don Leopoldo Calvo-Sotelo. Como todos saben, pasou aquí a súa infancia e sempre mantivo un vencello especial coa nosa vila. Pero non se trataba dun simple recordo saudoso aló polos terras da meseta, senón que daba a coñecer o noso patrimonio: a ría de Ribadeo, pola que tantas veces o temos visto no seu Juanín; as nosas praias nomeadamente a das Catedrais, tan de rabiosa actualidade estatal e internacional; e foi quen de votar unha man servindo de ponte entre uns e outros ribadenses para levar a bo porto ideas e proxectos novos. E ten traballado arreo para que algúns deles, de complexa realización, acabaran sendo unha realidade, como é precisamente o caso da Ponte dos Santos. Don Leopoldo xace hoxe no noso cemiterio municipal divisando a ría pola que tanto deveceu.

O esforzo realizado por todos os nosos antergos é o que nos permite hoxe seguir adiante traballando desde a corporación municipal por mellorar as condicións de vida e as oportunidades dos nosos cidadáns tanto nas infraestruturas básicas pendentes, como é o caso daquelas das que o Ministerio de Fomento xa é coñecedor, como loitando tamén por uns sistemas vitais que nos diferencian doutras sociedades menos avanzadas, como son a sanidade o a educación, sempre públicas e de calidade.

Que unha obra de enxeñería civil, froito do esforzo colectivo nomeadamente da teimuda vontade dun ribadense ilustre que nunca esqueceu as súas orixes, se vexa reflectida na emisión dun selo é para todos e todas nós un motivo de orgullo. Desde o recuncho máis afastado do mundo calquera sobre que poida portar un selo da Ponte dos Santos leva unha carta de presentación das comarcas mariñá é eo-naviega. Que as persoas que poidan contemplalo saiban que aquí estamos agardándoos coas mans abertas. Serán sen dúbida moi ben recibidas”.

Ao final do acto o rexedor ribadense fíxolle entrega dunha acuarela da praia das Catedrais á ministra de Fomento, Ana Pastor, á que tamén lle lembrou algúns dos temas que o seu departamento ten pendentes con Ribadeo: “como a ministra sabe temos pendente aínda o terceiro acceso á circunvalación estamos a traballar e agardo que en breve poidamos ter noticias positivas dunha actuación para que permita dar maior funcionalidade a esta vía. Así como tamén outra infraestrutura que tamén no Congreso todos os grupos aprobaron que é darlle unha nova saída cara Ribadeo á A-8 en sentido Galicia-Asturias, porque só se sae nun punto no ámbito urbano cando á inversa se sae en dous puntos”. Fernando Suárez explicou que “como aquí é un icono a Ponte dos Santos, é un icono a ría de Ribadeo e tamén a praia das Catedrais, que está de rabiosa actualidade polo que positivamente significa para Ribadeo e polos milleiros de visitas que recibe ano tras ano, e eu sei que a ministra seguro que coñece a praia, pero quérolle facer entrega dunha acuarela do areal das Catedrais para que a poña no seu despacho”.

Ao acto desenvolvido hoxe no Cine Teatro asistiron a familia Calvo-Sotelo e moitas autoridades como a delegada territorial da Xunta en Lugo, a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo e o secretario do Parlamento de Galicia, entre outras, ademais de concelleiros da Corporación de Ribadeo, deputados autonómicos, provincias e estatais, senadores, alcaldes galegos e asturianos, etc.

A emisión realizada por Correos do selo da Ponte dos Santos consta dunha folla bloque que reproduce unha vista aérea da ría de Ribadeo e da vila, na que se inserta o selo coa Ponte dos Santos. O valor postal é de 2 euros e a tirada de 260.000 follas bloque.