A edil nacionalista dixo que “estamos moi contentos , a experiencia é moi positiva e estamos a traballar nestas dúas xornadas técnicas na promoción e ubicación do noso produto estrela que é a praia das Catedrais. Para moita xente xa non é unha descoñecida porque nos comentan que xa hai tempo que a visitaron ou pasaron por ela, pero non a ubican en Ribadeo. Hai quen a sitúa en Asturias. Este reforzo, dentro do que é a feira, é moi importante non só para a promoción das Catedrais, senón para a promoción do concello no seu conxunto”.

Martínez lembrou que “fixemos unha comunicación aberta aos hostaleiros e comerciantes para que enviasen a súa publicidade a esta feira. Traemos oferta de hoteis, de feito algúns deles sortean dúas noites de hotel para que a xente acuda e coñeza Ribadeo. Ademáis estamos promocionando Ribadeo de eventos, o conxunto da vila, a súa gastronomía e a súa hostalería xunto con ACISA, non hai que esquecer que nesta feira estamos a colaborar ao 50% Concello e ACISA”. A concelleira de Turismo e o presidente de ACISA, Roberto Rivas, acudiron á inauguración de Intur que tivo lugar na xornada de onte.

Rivas Tomé sinalou que “é moi importante estar nesta feira cun stand propio para poder ofrecer información detallada dos atractivos de Ribadeo. Queremos captar o turismo de proximidade durante todo o ano. No verán recibimos a miles de persoas, pero temos que aproveitar o tirón de Ribadeo, das súas praias, da súa gastronomía e da súa hostalería o resto do ano”.

Ana Martínez engadiu que “o que perseguimos é que a nosa presenza en Intur revirta en positivo nos visitantes que se acheguen ao noso concello ao longo dos vindeiros meses”.