O edil nacionalista explicou que “á subhasta só se presentou un comprador e o último lote de seis cabalos, apreixados hai semanas polo Concello, adxudicóuse por 300 euros. É dicir por cada res pagou 50 euros, tal e como xa ocorrira na poxa do pasado 16 de decembro”. Castro lembrou que “os cartos recaudados non cubren os gastos de coste que para o Concello tivo a captura e a alimentación destas reses durante todos estes días, pero canto máis tempo as tivésemos o gasto aínda sería maior”.

En total foron 13 as reses equinas mostrencas capturadas polo Concello a finais do ano pasado tras as queixas realizadas por varios particulares sobre os danos que estaban a causar nos cultivos en varias parroquias de Ribadeo. Durante unhas semanas, á espera de que os seus propietarios as reclamasen, o Concello fíxose cargo dos animais nun curro habilitado para ese fin e unha vez cumpridos os prazos establecidos procedéuse á súa subhasta.

A de hoxe foi a segunda poxa pública deste tipo que ten por escenario a Casa do Concello.