O rexedor dixo que “van unha serie de puntos moi importantes ao pleno de mañá venres, unha serie de mocións, pero o máis importante para Ribadeo a curto, a medio e a longo prazo vai ser un novo paso adiante no que ten que ver co PXOM. A esta sesión van varios puntos relativos a este documento, sobre todo tres propostas de convenios urbanísticos para aprobación inicial na misma liña dos tres aprobados por unanimidade a finais do mandato pasado e que agora xunto con éstes se incorporarán á nova exposición pública de todo o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo”.

Suárez Barcia lembrou que “no ano 2008 por unanimidade se aprobou inicialmente o PXOM, que saiu a exposición pública e que recibiu 1.168 alegacións. Desde aquel momento ata o de agora diferentes cuestións imposibilitaron seguir a tramitación para proceder á aprobación provisional e finalmente definitiva, dado que cambiou a lei do solo de Galicia, creóuse o plan de ordenación do litoral e houbo que facer unha serie de enmendas a aquel documento”. O alcalde de Ribadeo sinalou que “decidimos por ter maior seguridade xurídica volver sacar o documento a unha nova exposición pública durante un prazo de dous meses, para que todo o mundo sen prisa, pero sen pausa, poida analizar e ver si o resultado é do seu agrado e para facer cantas alegacións ou suxerencias precisen realizar”.

Fernando Suárez destacou “independentemente do que cada grupo vaia facer no pleno de mañá, é a paternidade ou a maternidade de todos os grupos da Corporación na elaboración deste documento, tanto en todo o traballo realizado no mandato anterior como no feito no actual, independentemente das ponderacións do voto dos diferentes grupos no pleno da Corporación. No anterior mandato non había maioría absoluta do goberno municipal, neste mandato sí que a hai, pero a efectos do planeamento de ordenación urbana eu entendo que debemos seguir traballando da misma maneira e mantendo a colaboración máis sincera entre todos”.

O rexedor subliñou que “o documento do plan váinos trascender a todos nós, aos que estamos hoxe en día formando parte do goberno municipal ou mesmo da Corporación. Si o plan se aproba será un logro de todos e será para todos os que veñan despois de nós. Sempre tentamos darlles cabida e todos os grupos tiveron toda a información, puideron participar sempre na elaboración e viron cando había problemas e cales eran as propostas que os técnicos suxerían como mellores e creo que todo se foi facendo cun consenso inédito e descoñecido. Quizáis noutros temas non o teñamos, pero no que ten que ver co urbanismo ogallá sigamos durante moito tempo así”.
O documento do PXOM nesta segunda exposición pública poderá ser consultado na vella oficina de turismo durante dous meses e tamén na páxina web do Concello de Ribadeo. O arquitecto municipal aclarará todas as dúbidas que os veciños poidan ter.

Suárez Barcia tamén se referiu á aprobación inicial de tres convenios urbanísticos “cun contido moi vinculado ao PXOM e que se incorporarán á nova exposición pública deste documento”. O alcalde explicou que “no caso dos convenios referidos ás rúas Pintor Fierros e Daniel Cortezón a través de diferentes cesións o Concello faríase cun total de 4.600 metros cadrados de zona verde para engadir aos xa existentes. Habería unha zona verde pública superior ao actual parque de Ribadeo, ubicado na praza de España”. E engadiu que “na outra proposta que se fai na avenida Rosalía de Castro o Concello acadaría un aparcamento soterrado en tres niveis cun total de 126 prazas de aparcamento público listas para utilizar, ademáis dun vial de nova apertura de 17 metros de ancho máis unha praza pública dunha superficie próxima aos 2.000 metros cadrados. Estes convenios non operarán en tanto o PXOM non estea definitivamente aprobado, aínda que sí que son pasos importantes para ir encarreirando o urbanismo en Ribadeo”.