O rexedor sinalou esta mañá que “como alcalde de Ribadeo e como portavoz desta comisión na que traballamos por unha residencia na nosa vila non quero entrar en polémicas coa delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, pero quero reiterar que o compromiso de reunión coa conselleira de Traballo e Benestar saiu da súa propia boca nunha xuntanza que mantivemos hai tres meses. Alí tamén estaban, ademáis do alcalde, os portavoces do PP e de UPRI, e o portavoz da plataforma de asociacións veciñais, polo tanto non é a palabra dunha persoa contra outra, senón que foi o compromiso da delegada territorial a toda unha comisión institucional que estaba alí”.

Fernando Suárez considera que “máis aló de todo iso o exemplo déuno a xente de Ribadeo, máis de mil persoas acudiron á manifestación reivindicando e reclamando algo que en xustiza Ribadeo debe ter. Non quero polemizar coa delegada da Xunta en Lugo nin quero sacar as contradiccións que pode haber no seu partido, porque si un tivese mala uva podía dicir a división interna que ten o PP de Ribadeo, porque hai concelleiros coma o portavoz, que acude ao pleno que convocamos de xeito extraordinario para reclamar unha residencia e que vai á manifestación, pero hai concelleiras dese mesmo grupo que nin foron ao pleno nin foron á manifestación e están deixando ao seu partido nunha situación un tanto comprometida”. O alcalde cre que “aquí hai xente, do BNG, de UPRI, do PSOE e tamén do PP a nivel particular que estamos poñendo os intereses de Ribadeo por enriba de calqueroutro, incluso da nosa adscripción política lexítima, e hai outras persoas que están máis buscando discrepancias entre nós e penso que é algo que non nos debemos permitir. Eu polo que ten que ver conmigo e coa miña formación política non imos entrar neste xogo”.

O rexedor dixo que “a Xunta nestes próximos días recibirá se non o ten recibido xa o documento do pleno que todos aprobamos por unanimidade cunha serie de requerimentos, de necesidades e de xustificación dunha residencia para Ribadeo e o primeiro paso era que a Xunta puxese no seu mapa autonómico de residencias á de Ribadeo, que non figura a día de hoxe”.

Suárez Barcia engadiu que “o que queda de aquí en diante é seguir traballando en unidade de acción entre todos os grupos ou en todo caso, se iso non se pode dar, entre todos os concelleiros independentemente da súa adscrición aos grupos para facerlles ver ás demáis institucións, á Deputación tamén, pero sobre todo por competencias ao goberno autonómico da necesidade de que non vamos parar no noso empeño de conseguir unha residencia adicional, maior que a que xa ten Ribadeo, por necesidade tal e como acreditamos en todos os estudios que estivemos a facer e que presentamos convenientemente”.