A edil nacionalista subliñou a boa participación: “son moitas as tapas que se levan consumido e supoño que nos días que restan a xente seguirá achegándose a Ribadeo para gozar deste evento. Ao mesmo tempo é un bo momento para percorrer o noso concello polas diferentes rúas, conversando e gozando non só da riqueza gastronómica senón tamén da súa historia. Onte mesmo puidemos gozar dentro desta edición do Ribadeo de Tapeo dunha exitosa visita guiada polo casco histórico de Ribadeo, descubrindo un Ribadeo esquecido ou descoñecido para moita xente”.

Ana Martínez dixo que “aínda son moitas as actividades que ata o domingo se poden gozar xunto coas tapas. Polo tanto quero convidar á xente á que se achegue a Ribadeo nesta fin de semana para compartir e gozar este décimo Ribadeo de Tapeo, que ademais conta con numerosos premios para o público, para a xente que se decide a percorrer as rúas e probar as tapas, doados por varios establecementos participantes que quero nomear e agradecerlles a súa colaboración: Casa Pepe, que aínda que por un erro non aparece no libro colabora tamén, cunha cea para dúas persoas; O Lar de Manolo, Costa Verde, o entro de estética Coida de Ti, Galipizza, De boca en boca, Asociación de Praceiros e Praceiras, Taberna de Lola, A Mirandilla, Hola Ola, La Quinta; e ademais dous establecementos de turismo rural da Ruta do viño do Ribeiro, en Ribadavia, con dúas estancias, que son o Pazo Carballo e As Casiñas”.

A concelleira de Desenvolvemento Local engadiu que “tamén como este ano decidimos indicar as tapas que podían ser consumidas por celíacos quero agradecer a Asociación Galega de Celíacos a súa colaboración na elaboración das tapas. E tamén ás deseñadoras locais de MandaRita, así como aos membros do xurado que estes días están a percorrer os 51 establecementos que forman parte deste Ribadeo de Tapeo para facer a preselección para que o próximo sábado se realice a selección definitiva dos establecementos gañadores”.
E invitou “a utilizar a aplicación móbil de Ribadeo Gastronómico ou
Ribadeo de Tapeo, xa que polas dúas se pode acceder. E só me queda aos que aínda non se achegaron a Ribadeo convidalos a facelo vindo esta fin de semana para converter a Ribadeo nun punto de encontro para tapear e para gozar da nosa vila e de todo o concello”.

O sábado pola mañá, ás 11:30 horas, haberá un obradoiro de repostería creativa na praza de abastos a cargo do establecemento De boca en boca, dirixido aos máis pequenos. E o domingo ás 12:00 horas pasarrúas a cargo do Cuarteto Tradicional Illa Pancha.