A edil nacionalista sinalou que “dende o Concello estamos contentos e mesmo impresionados, pois se a día 18 de agosto facíamos un balance de 45.000 persoas que solicitaron información nas dúas oficinas de turismo (na da vila e na das Catedrais), o que xa era un dato importante, agora, con datos do 31 de agosto, temos que indicar que foron preto de 65.000 as persoas que se achegaron a pedir información. En concreto falamos de 63.824 persoas que pasaron polas oficinas de turismo, onde este ano por primeira vez se contou con 8 informadores turísticos, aos que lles quero agradecer publicamente o seu traballo intenso botando horas de máis desinteresadamente para informar de todo o que o visitante se pode atopar en Ribadeo e tamén na praia das Catedrais, que é a máis demandada á hora de pedir información turística. Pero tamén se facía fincapé no resto do concello: a nosa ría, a oferta gastronómica, a calidade da hostalería, as múltiples actividades coas que Ribadeo atende a visitantes e propios durante o verán e tamén no resto do ano”.

Martínez dixo que “así cada día en Ribadeo se podía vivir durante o verán unha experiencia de música, de teatro, de xogos para nenos… En fin, unha serie de actividades que día a día ían facendo que o noso concello se converta nun destino emerxente, ao que cada día acude máis xente para gozar das súas vacacións”.

Sobre a procedencia destes viaxeiros, “é fundamentalmente un turismo nacional ao que ano a ano tamén se lle vai sumando o turista internacional, que neste 2013 acadou unha porcentaxe no global dun 10,5% con máis de trinta nacionalidades as que se pasaron por Ribadeo lideradas, como cada ano, por franceses, alemáns e italianos. E o turismo nacional segue liderado pola comunidade de Madrid, seguido de casteláns, vascos e cataláns. Este ano houbo un incremento de visitantes procedentes de Andalucía e mesmo de Murcia”, relatou a concelleira de Turismo ribadense.

Ana Martínez tamén subliñou a importancia que ten para o turismo de Ribadeo o Camiño de Santiago, “xa que somos a porta de entrada a Galicia polo Camiño do Norte e iso supón que a maior parte dos peregrinos que se achegan a Santiago por esta vía o fagan desde Ribadeo. Así só neste mes de agosto, segundo a Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, realizaron o Camiño do Norte 3.889 persoas. E durante todo o verán estivemos co albergue de Ribadeo a tope e o que temos en Vilela moitos días tamén estivo cheo de xente”.

Para Martínez “todos estes datos indican que este verán Ribadeo estivo a tope, como se podía ver. Estivo como nunca, con varios días nos que a xente non atopaba nin unha soa cama valeira para pasar a noite, xa que durante os primeiros 20 días de agosto a ocupación hoteleira estivo roldando o cen por cen. E mesmo polas rúas víamos un rebulir de xente, coa sorte que tivemos neste mes agosto co tempo, que tamén nos foi acompañando”.

A concelleira de Turismo tamén se referiu ao fenómeno turístico da praia das Catedrais “que ten moito que ver neste despunte. Por iso quero pedir de novo ás administracións competentes, como levo facendo todo o verán, que se tomen as medidas axeitadas para non estragar este motor económico que fai, non só de Ribadeo senón da Mariña e mesmo de gran parte de Galicia e de Asturias, un destino importante”.

A edil nacionalista salientou que “A Mariña, polas informacións que se foron dando estes días, foi o destino que máis medrou este verán e creo que o fenómeno da praia das Catedrais ten moito que ver. Gustaríame resaltar que durante a xornada do 16 de agosto fíxose un reconto real da xente que baixou á praia: dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde estívose contando persoa a persoa aos que visitaron o areal das Catedrais e podo afirmar que foron 10.923 persoas as que baixaron á praia. Entón eu entendo que isto é insostible se non se ordena. Non se poden pechar os ollos a unha evidencia e tampouco se pode perder a oportunidade que a natureza nos brinda de disfrutala pero tamén de coidala”. O punto de información turística das Catedrais estará aberto ata o vindeiro mes de outubro, ata a ponte do Pilar.

Ana Martínez tivo palabras de agradecemento “para a hostalería, o comercio e a cantos participan na actividade turística en Ribadeo polo seu bo facer, pola súa profesionalidade. Dende o Concello seguimos apostando por novas propostas que permitan, na medida do posible, ir desestacionalizando o turismo para facer desta industria un elemento importante no desenvolvemento económico do concello, buscando sempre a calidade e o bo servizo e procurando esa interrelación entre todos os sectores, facendo así unha oferta conxunta, atractiva e diferenciadora”.