O arquivo municipal do Concello de Ribadeo alberga un importante patrimonio documental cuxos fondos, conservados dende o ano 1536, resultan imprescindibles á hora de investigar e coñecer a historia e a evolución da Mariña lucense. Tendo en conta a importancia dos mesmos, dende o Concello tomouse a decisión de sumarse á transformación tecnolóxica e dixitalizalos, un proceso que durante os últimos catro anos vense realizando a través de obradoiros de emprego nos que xa se dixitalizaron 294 libros de actas municipais (dende  1536  a 1945), 62 planos e 26 expedientes. Todo isto suma case  67.000 capturas, o que supón máis de 265.000 arquivos dixitais creados.

Seguindo con esta aposta pola modernización o Concello solicitou unha subvención, que se enmarca no programa operativo Feder Galicia 2014-2020, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, co obxectivo de capturar dixitalmente unha parte do fondo histórico e xerar os metadatos para a súa descrición.A empresa  encargada  de realizar  este  traballo foi  Unayta,  consultora  tecnolóxica  de Santiago de Compostela especializada na implantación de proxectos de Oficina sen Papel. 

A dixitalización dos documentos foi levada a cabo por persoal técnico especializado nesta  tarefa que se desprazou ao Concello de Ribadeo entre os meses de xullo e outubro, e que dixitalizaron máis de 25.000 imaxes pertencentes a tres series documentais: actas de sesións do pleno e comisións de goberno (dende 1945 a 1973); catro libros de rexistro do Hospital de San Lázaro e San Sebastián (dende 1573 a 1773); e expedientes de Quintas.

Este traballo rematou a finais de outubro coa entrega dunha copia de preservación e dunha copia de difusión. Isto permitirá que toda a documentación xa dixitalizada sexa accesible tanto na páxina do Arquivo do Concello de Ribadeo como na Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana)  facilitando a súa difusión e  consulta por parte dos distintos investigadores, historiadores e, por suposto, dos veciños e veciñas do municipio.