O rexedor dixo que “a situación pola que está atravesando o sector leiteiro galego é inédita, é das peores que se recordan e non se albisca ningunha melloría no futuro inmediato. De aí que a xente está profundamente preocupada”.

Suárez Barcia lembrou que “en Ribadeo o sector leiteiro era moi potente en anos anteriores e agora, nestes últimos tempos, está totalmente modernizado, con moita cabana gandeira, aínda que hai moita xente que o foi deixando. Pero non por iso queremos deixar de apoiar a todo este sector, que segue sendo importante e segue movendo moitos recursos”.

E engadiu: “de aí que dende o Concello de Ribadeo emitísemos un bando animando a que toda a xente que así o desexe acuda a esta manifestación que vai ter lugar este venres, día 17 de xullo, en Santiago de Compostela. Precisamente o que se pretende é instar ao Goberno galego ao Goberno do Estado a fin de que, a través de todos os mecanismos de que dispoñan, apremen ás industrias e aos primeiros compradores a garantir a recollida de todo o leite que se produza nas explotacións galegas. E tamén para instar ao Goberno galego para que garanta a percepción dun prezo do leite en orixe xusto e que cubra os gastos de produción, porque non ten sentido que os gandeiros estean vendendo o leite practicamente pola metade dos custes de produción, que xa están axustados desde hai moitos anos por esas fortes adaptacións e sendo as explotacións gandeiras galegas punteiras a nivel estatal e, se cadra, a nivel europeo tamén”.

Fernando Suárez contou que “de Ribadeo vai saír un autobús, que oferta a cooperativa Os Irmandiños, e tamén, se é necesario porque ese autocar se quede pequeno, desde o Concello habilitaríamos máis transporte público. Estamos en coordinación co Sindicato Labrego Galego para que esta manifestación do venres sexa masiva e serva para dar un toque de atención aos que teñen a capacidade para cambiar as cousas”.

Ademais o equipo de goberno presentou unha moción para o seu debate e aprobación no pleno do Concello para que este se comprometa firmemente coa defensa do sector lácteo e para que faga unha serie de peticións ao Goberno Galego e ao Goberno do Estado de cara a garantir a recollida de todo o leite que se produza nas explotacións galegas, así como a percepción dun prezo en orixe xusto e que cubra os gastos de produción, entre outras cousas.