A alcaldesa en funcións declarou que “como podemos comprobar nos últimos tempos a merma de determinados servizos sanitarios, como ocorreu durante estes días nos que se falou publicamente da falla dun pediatra no centro de saúde de Ribadeo, é algo que se ven repetindo con certa normalidade. Por desgraza non soamente falamos da falla dun pediatra, senón que levamos recibindo e facendo chegar as queixas a onde procede desde o persoal sanitario do propio centro de saúde de Ribadeo, da falla de profesionais para poder atender a gran demanda que durante o verán se dá nesta instalación sanitaria”.

Ana Martínez contou que “onte mesmo podíamos saber que había tres médicos. Creo que isto é unha cuestión que non é puntual, que non sucede exclusivamente neste ano, que se ven repetindo durante todos os anos e que non se pode solucionar en base a demandas e protestas senón a unha boa organización por parte do servizo que corresponde da Xunta de Galicia”.

Para a rexedora ribadense “os cidadáns non teñen que pedir, senón que se debe programar, organizar e dar un bo servizo. Iso é o que vimos de pedir hoxe aquí, nesta manifestación diante do Hospital da Costa, en Burela, que segue sendo a referencia da área sanitaria da Mariña e que coa nova lei de sanidade de Galicia vai desaparecer para fundirse dentro da área provincial”.

Ana Martínez subliñou que “cremos que non se debe suprimir esa área da Mariña, que temos a entidade e a necesidade de mantela, e aquí estamos en Burela para defender os dereitos dos cidadáns, dos usuarios dos servizo da sanidade pública e tamén dos traballadores”.

A alcaldesa manifestou que “esta supresión da área da Mariña e a unificación nunha soa vai permitir determinados movementos de xeito legal que hoxe non se poderían dar para os traballadores e as traballadoras dentro do que supón toda a provincia de Lugo. Deberemos estar todos e todas cada un dos mércores ata que se resolva isto dun xeito normal, lóxico e sempre pensando na mellora dos servizos ao cidadán. Evidentemente os recursos non se deben despilfarrar, pero hai que pensar que a atención de dereitos básicos e fundamentais tampouco se deben desprotexer”.

Cos traballadores do transporte
Por outra banda, Martínez explicou que “no día de onte se reuniron con nós no Concello de Ribadeo, traballadores do sector do transporte público. Hai un grupo de traballadores que están neste momento nunha situación totalmente desprotexida, nin teñen traballo, nin dereito ao paro, nin seguridade social. Eses traballadores que formaban parte da empresa Arriva e coa nova contratación que se fixo por parte da Xunta de Galicia a unha nova UTE deberían ser subrogados e neste momento non saben nada da súa situación laboral. Trátase de familias que están agora mesmo sen saber se van ter un traballo do que dispoñían. Non sei ata qué punto se vai atender esta demanda dende a Xunta de Galicia mañá nesa comisión que teñen para resolver o problema”.

A alcaldesa en funcións quere “pedirlle á Xunta de Galicia que resolva como proceda para que esta xente non se atope na indefensión na que están, na situación social na que eles me din que non saben se mañá poderán comprar os libros de texto para os seus fillos, se van ter para comer o mes que ven. Non podemos permitir estas situacións no século XXI, e non podemos perder os dereitos que conseguimos durante anos”.