O alcalde, Fernando Suárez, contou que “aínda que hoxe esteamos aquí en Madrid, na Feira Internacional de Turismo, procurando vender e publicitar ao mundo enteiro o que significa Ribadeo e as potencialidades que ten, non nós podemos esquecer de seguir traballando de maneira activa en todo o noso concello, tanto na vila como nas parroquias”.

O rexedor anunciou que “hoxe precisamente sae publicada unha obra que queremos levar adiante nunha parroquia costeira, en Cinxe, dado que queremos facer unha serie de cruces de saneamento en varios dos seus camiños porque dentro de pouco queremos aglomerar en quente. Para non ter que romper o traballo que vaiamos facer, previamente queremos ter deixado estas tubaxes de saneamento ben colocadas”.

Suárez Barcia explicou que “este proxecto de saneamento en Cinxe, que recolle todos estes cruces, ascende a un total de 25.492 euros de fondos municipais do Concello de Ribadeo. A partir de mañá, durante o prazo de 20 días todas as empresas cualificadas que queiran presentarse a esta obra poderán facelo como habitualmente, a través da plataforma de contratos do Estado ou da propia páxina web do Concello”.

O alcalde ribadense engadiu que “o prazo de execución destas obras será dun mes, polo tanto animamos a todas aquelas empresas que queiran puxar que vaian vendo a información que temos colgada nas páxinas web”.