Fernando Suárez sinalou que “a iniciativa levámolo adiante para atender esta demanda que o sector da hostelería e dos hoteis nos viña facendo de que Ribadeo, a pesares de ter moitas cousas vinculadas ao turismo, adoecía de rutas de sendeirismo ben sinalazas e marcadas. Agora aproveitamos unha subvención da reserva da biosfera para poñer en valor e sinalizar tres rutas que son as que presentamos hoxe. A ruta da costa, que vai desde Ribadeo pasando por Rinlo ata a praia das Catedrais; a ruta da ría de Ribadeo, que discorre prácticamente pola parroquia de Ove paralela á ría por camiños públicos e a ruta dos montes, que vai pola parte central do concello rematando no límite con Barreiros”.

O rexedor explicou que “se trata dunha inversión de 37.000 euros destinada a sinalizar estas rutas con postes, con balizas, con información de elementos a visitar, que nos costou bastante nalgunha ruta levar adiante co permiso que tivemos que conseguir de Conservación da Natureza, dado que eran zonas LIC (Lugares de Intererese Comunitario) da reserva da biosfera e tivemos que facelo con moito coidado e cariño”. Suárez Barcia está convencido de que “estas rutas serán un atractivo turístico por unha banda, pero tamén de paseo para moitos veciñas e veciños do noso concello, que agora na primavera poderán facer determinadas rutas de ocio e poderán perderse e atopar diversos recantos do noso concello que para moitos non son coñecidos”. Ese investimento inclúe a remate e posta en valor do muiño de Ignacia e a colocación de paneis na Casa da Ría de Ribadeo.

O alcalde subliñou que “nos vindeiros días enviaremos unha remesa de folletos a todo o sector hoteleiro e hostaleiro, dado que editamos 3.000 trípticos, 1.000 de cada ruta e confiamos que isto veña reforzar esta capacidade turística que ten Ribadeo e tamén que serva para que os nosos veciños e veciñas disfruten destas tres rutas de sendeirismo”.