Francisco Iriarte, presidente de ACISA e CCA, sinalou que “esta campaña vai vinculada ao Ribadeo de tapeo que fai o Concello a través da Área de Desenvolvemento Local. Queremos apoiar esa cita e que as tendas asociadas ao CCA tamén participen dalgún xeito nesta quinta edición da ruta de tapas. Faremos publicidade con dípticos e carteis da Ruta de Compras para que todo o mundo coñeza os descontos e as ofertas que farán nestes días os nosos establecementos asociados”.

Iriarte considera que “así a colaboración co Ribadeo de tapeo será máis importante porque entre todos tentamos atraer máis xente á nosa vila. Os clientes dos bares e restaurantes poderán selar tamén as súas cartulinas nas tendas participantes na Ruta de Compras, ao mercar nos nosos establecementos. Poderán conseguir un máximo de catro selos comodín”. ACISA e Centro Comercial Aberto participan con diversos premios na quinta edición do Ribadeo de tapeo, unha viaxe a un balneario, un vale de compra de 300 euros, unha cámara de fotos donada por Informática Cero Uno, un mp4 xentileza de PC Coste, un lote de productos donado por Bodegas Ribeirao e un lote de libros de cocina de Gráficas Santiago.

No acto de presentación celebrado hoxe nas instalacións de ACISA e CCA o alcalde de Ribadeo aproveitou para felicitar públicamente ao novo presidente do colectivo, Francisco Iriarte, “sempre mantivemos o Concello e o CCA unha especial relación e agora seguirá sendo igual de boa que era e tentaremos facer máis cousas en conxunto. Eu creo que desta iniciativa que agora se presenta enmarcada no Ribadeo de tapeo se debe extraer algunha conclusión, que cando as cousas se fan en conxunto saen mellor, a unidade de acción é moi importante, ás veces con menos cartos ou cos mesmos recursos se poden facer máis cousas cando se fan de xeito coordinado”.

Para Fernando Suárez “é unha boa cousa que a xente veña a tomar un viño e unha tapa e que ao mesmo tempo acudan e aproveiten para comprar en Ribadeo. Este matrimonio que temos CCA e Concello debería seguir no tempo facendo máis actuacións. É fundamental facer este tipo de actividades en momentos baixos de afluencia de xente a esta zona, e así tamén se pode plantar cara a outras iniciativas que desenvolven algunhas grandes áreas comerciais a máis de 100 kilómetros de aquí. Con estas iniciativas conxuntas estamos dando unha imaxe de fortaleza de cara ao exterior moi importante”.