Suárez Barcia comentou esta mañá que está decidido a facer unha serie de cambios agora desde o principio deste novo mandato municipal “e estou a enviar unha serie de comunicacións a todos os titulares de establecementos de hostalaría e restauración, non ten moito que ver cos que non teñen nunca ningún conflicto de ruidos nin ningunha denuncia, pero sí especialmente con aqueles adicados ao ocio nocturno”.

O alcalde sinalou que “a día de hoxe temos moitos problemas con esta situación, que ven de vello, incluso o Concello está condeado desde hai anos por un tema en materia de ruidos. Son varios os expedentes que actualmente están en marcha e nalgúns deles cunha solución de peche cautelar nestes días, que por discreción non quero facer pública, e son tamén varias, diversas e intensas as comunicacións e denuncias de veciños desde hai tempo, incluso de xente do propio gremio da hostalaría e tamén son continuos os escritos do Valedor do Pobo, que nos está indicando que temos que cambiar de actitude para conciliar os intereses en conflicto, que é algo que queremos facer”.

Fernando Suárez asegurou que “desde o Concello queremos que os hostaleiros poidan traballar e poidan sacar un aproveitamento lexítimo e lucrativo dos seus negocios, pero temos que garantir tamén o dereito á intimidade persoal e familiar, a protección da saúde, o dereito a gozar dun medio ambiente axeitado e a protección e mellora da calidade de vida, e o ruido ten moito que ver con todo isto”.

O rexedor contou que “enviámoslles a todos os hostaleiros un recordatorio cos horarios establecidos e publicados a nivel autonómico desde hai varios anos no Diario Oficial de Galicia. Non quero facer nada que vaia contra a lei, quero que se comporten e que pechen nos seus horarios e que non molesten aos veciños, porque de ser así se adoptarán con toda firmeza cantas medidas sancionadoras sexan necesarias no caso de incumprimento ou pasividade na adopción das medidas correctoras por parte deses establecementos. A Policía Local e a Garda Civil son sabedoras diso e actuarán en atención da lei para defender o dereito a traballar de uns e os dereitos a dormir e a vivir sen ruido dos outros”.