O Concello enviará ao Sáhara 5 caixas de roupa de socorrismo, “que quedou doutros anos e que se atopa en perfectas condicións”, segundo deu a coñecer hoxe a concelleira de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño, Paz Ermida. No material figuran cazadoras, polos, pantalóns e tamén sombrillas. No envío o Concello conta coa colaboración da asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui.

Ermida indicou que “nestes tempos, nos que tendemos con moita frecuencia a querer despolitizar todo canto ocorre nas nosas vidas, quero enfatizar precisamente esa parte política que si ten esta iniciativa, mais tamén humanitaria, porque entendo que non deben nin teñen porque ser incompatibles. Ou polo menos non o son na política que levamos a cabo dende o BNG e, nomeadamente dende o Concello de Ribadeo, na que sempre temos presente esa vontade de escoitar a quen merece ser escoitad@ e de axudar a quen precisa ser axudad@”.

A edil nacionalista subliñou que “facendo un acto de xustiza meritoria, hei de dicir que todo isto xurdiu a raíz dunha proposta feita por Jacobo González Rivas, coordinador de servizo de socorrismo do noso Concello. Unha desas persoas que moi de vez en cando tes a sorte de coñecer e que merece mención especial pola súa teima de traballar para mellorar as cousas. E tamén me gustaría agradecer a Maite Isla e a todos os homes e mulleres da ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, pola súa labor destes 25 anos de existencia,  pola súa colaboración neste envío e por facer que mereza a pena dedicar parte da túa vida á política,  e que sexa, precisamente esta faceta a que che permita coñecer a xente coma Jacobo e coma Maite, recoller as súas suxestións e achegas e ter capacidade para xestionalas”.