O rexedor explicou que “xa lle transmitimos ao subdelegado do Goberno a preocupación que está tendo a xente polo temor, xa que estes roubos se producen fundamentalmente en vivendas illadas do entorno rural das parroquias do noso concello, para pedirlle que se extreme a vixilancia por parte das forzas e dos corpos de seguridade, ofrecendo, como facemos sempre, o compromiso de colaboración coa Policía Local, aínda sabendo que a Policía Local é a que menos efectivos ten de todos os corpos que operan no territorio”.

Suárez Barcia manifestou: “confío no compromiso do subdelegado do Goberno, pero tamén quero pedirlle á cidadanía, sen ánimo de crear un estado policial nin de que isto sexa un Gran Hermano, como moitas veces temos dito, que se os veciños ven algún comportamento estraño, sobre todo nas parroquias, onde todos se coñecen, se con algún vehículo, persoa ou circunstancia en horarios que non son axeitados ve situacións estrañas que o comuniquen ás forzas que sexan, Policía Local ou Garda Civil, porque supoño que a maioría das cousas non irán a ningún lado, pero quizais algunhas sirvan para poder dar con esta xente que tan mal llo está facendo pasar aos nosos veciños e veciñas”.