O alcalde quixo “trasladar o noso ánimo, o noso apoio a esta boa persoa que é Ricardo, de Reme, por este intento de roubo, e case me atrevo a dicir que de asasinato, que sufriu por parte de dous bellacos, de dous malfeitores, que na tardiña deste venres lle ocasionaron feridas, golpes e cortes na cabeza. Polo que imos sabendo Ricardo está evolucionando favorablemente e é probable que nas vindeiras horas poida volver á súa casa”.

Fernando Suárez engadiu: “quero tamén mandar unha mensaxe de tranquilidade a todos os veciños e a todas as veciñas, especialmente aos das parroquias, aos do rural, que viven sos. Quero dicirlles que aínda que estes feitos son terribles, e son reprobables en si, son uns feitos moi illados”.

O rexedor dixo que “sabemos que ten habido roubos nos últimos anos, pero ningún deles ten sido con violencia. O que non quita que se nalgún momento se perciben actitudes sospeitosas de descoñecidos débeno poñer en coñecemento das autoridades, ben sexa da Policía Local ou da Garda Civil”.

Suárez Barcia manifestou que “esperemos que estes bandidos, que fixeron esta tropelía, sexan apresados polas autoridades e paguen polo que fixeron para roubar uns miserentos 50 euros”.