O rexedor explicou que “a incidencia que se produciu onte pasadas as dez e media da noite provocou a rotura dunha acometida de auga importante, que nutre á zona de San Roque. E xustamente rompeu por unha parte que non foi cambiada nestes últimos anos por mor das obras que fomos facendo; polo tanto era unha tubería vella, que rompeu e iso provocou un descenso na presión da auga nunha ampla zona de Ribadeo, que afortunadamente de contado se puido controlar”. Suárez Barcia indicou que “o problema quedou reducido a algún edificio desa zona onde nesta pasada noite non tiveron auga. Pero hoxe a primeira hora da mañá, moi cedo, xa se reparou e todo o mundo ten servizo de auga domiciliaria sen ningún problema”.

O alcalde de Ribadeo dixo que “son circunstancias que ocorren e pídolles desculpas aos veciños porque nalgúns casos estiveron nesta noite algunhas horas sen auga. Foi moi pouca xente, pero con que quede unha persoa xa é abondo. Agora a situación xa está solventada”.