Suárez Barcia contou que “a primeira hora desta mañá producíase unha rotura da traída xeral da auga que ven desde Vilarbetote, no concello veciño de Trabada, ata Ribadeo. É unha máis das que nos últimos tempos se teñen producido, sempre polo bó facer da empresa concesionaria e pola sorte de que sempre que rompe, ata o de agora, o fixo en sitios accesibles, se pode resolver de maneira máis ou menos rápida. No caso da que se produciu no día de hoxe é probable que a última da tarde quede solventada a avaría, que a xente quizáis non está a notar nos seus domicilios porque os depósitos que se atopan en Santa Cruz teñen auga bastante para abastecer durante varias horas a Ribadeo”.

O alcalde advertiu que “si esta rotura se producise no medio do verán con tantísimo consumo de auga que hai poderíamos estar diante dun verdadeiro problema. Isto quero poñelo sobre a mesa outra vez, porque hai anos que desde o Concello de Ribadeo nos levamos dirixido á Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias nesta materia, para que non deixe de lado a Ribadeo”. Fernando Suárez lembrou que “hai anos que me dirixín ao daquela conselleiro socialista Pachi Vázquez, agora líder do PSOE galego, e tamén na actualidade me teño dirixido formal e informalmente ao actual conselleiro Agustín Hernández para tentar solventar esta grave carencia que ten Ribadeo. E refírome a que a acometida principal de auga, de máis de 25 kilómetros de distancia foi feita en fibrocemento, en uralita, nos anos 70, está absolutamente pasada de tempo e é necesario reemprazala canto antes por motivos de seguridade e para evitar que Ribadeo nalgún momento poida quedar desabastecida de auga, dado que tamén os depósitos que ten son pequenos para o que o concello foi medrando”.

O rexedor sinalou que “Ribadeo foi medrando nos últimos 30 anos, pero non modernizou os condutos principais, os depósitos da auga, as súas acometidas de auga desde tan lonxe, e aínda que durante estes últimos sete ou oito anos estivemos a modificar e actualizar as tuberías de moitas das rúas as acometidas principais seguen sen seren substituidas. É moi boa cousa que o goberno galego se poida involucrar nesta operación, que pode costar varios centos de miles de euros e que se debería realizar acompasada con esta obra do Ministerio de Medio Ambiente de converter a antiga vía do tren mineiro nunha senda verde. E digo isto  porque por esa antiga vía do ferrocarril de Vilaodriz é por onde discorre o trazado da nosa acometida de auga”.

Suárez Barcia non quere que “caiga en saco roto esta demanda, que desde o Concello lle facemos á Xunta, porque lla temos feito máis veces tanto no mandato anterior como no actual e quero advertir que o día menos pensado si esto segue así un día no verán podemos quedar desabastecidos absolutamente de auga por non ter a Xunta unha previsión para con Ribadeo, que ten unha poboación de 10.000 habitantes de maneira estable, cifra que no verán se pode duplicar ou triplicar”.